Festa do Demo

161

As rúas de Pontevedra volverán acoller o luns, 23 de agosto, a celebración da Festa do Demo, que este ano chega á súa décima edición. Coma sempre, coincidindo coa véspera de San Bartolomeu, a comitiva do demo partirá da rúa Arcos de San Bartolomeu ás 12.30 horas para percorrer as rúas e prazas do centro histórico.

Ás 20.00 horas, o demo e a súa comitiva volverá a percorrer a cidade facendo burlas, xogos e trasnadas, e ás 21.30 horas será a Foliada do Demo.

Durante o percorrido, o Demo tratará de atrapar as almas de todos os que vexa para levalas con el ao inferno. Polo contrario, tanto nenas e nenos como maiores poderán vingarse do demo intentando arrincarlle o rabo e conseguir unha pequena sorpresa. Tanto o demo como os seus axudantes tentarán facer trasnadas, burlas, xogos para espantar os que intenten arrincarlle o rabo.

FOLIADA DO DEMO

A Foliada do Demo está incluída dentro dos actos da Festa do Demo. Comezará ás 21.30 horas na Praza da Pedreira e consiste en revivir as verbenas populares dos anos 50, para elo adornarase a praza con lámpadas de cores e bandeirolas, e a xente que o desexe virá ataviada con roupas daquela época.

A Foliada do Demo contará coa participación dos seguintes grupos:

• OS TREBELLOS: grupo creado no ano 2007, tendo as súa orixe na Asociación Cultural Retrouso de Cela (Bueu). Forma parte da formación A Ghaita do Avó, que se dedica a recuperación dos cantos de taberna. Está composto por 8 músicos que tocan instrumentos como a gaita galega, acordeón, bombo, tamboril, pandeiretas, etc. Unha parte importante das súas actuacións está orientada á colaboración con entidades benéficas.

• OS ABRENTES: Formación na que instrumentos tradicionais se funden con instrumentos propios das bandas de música coma o saxofón ou o clarinete. Estas agrupacións eran típicas a finais do século XIX tanto en Galicia coma en América. O grupo de música tradicional “Os Abrentes de Cerdedo” naceu a partir dunha idea municipal. Fundouse no ano 1994. Isto dou lugar a unha asociación cultural, “Os Arxinas”, que comprendía grupo de baile, e o grupo tradicional de gaitas, “Os Abrentes”. Co paso do tempo desfíxose a “Asociación Cultural Arxina” quedando no seu lugar a “A. C. Os Abrentes de Cerdedo”, baixo a dirección de Manuel Campos Toimil (Fundador do grupo folk “Tebra” e gaiteiro no grupo de “La Salle”), xa que el era o que tiña máis experiencia dentro do folclore. Na percusión, o mestre foi Antonio coñecido como “Valladares”, xa falecido (Antigo membro dos “Morenos de Lavadores”). A “A. C. Os Abrentes” autosubencionase grazas ás festas que realiza o grupo de gaitas ó longo do ano. Actualmente o grupo non ten ningún mestre ó seu cargo.

• OS CHICHISOS: O grupo de música tradicional Os Chichisos tivo o seu xermolo naquel 1992 cando un grupo de amigos con inquedanzas musicais, e movidos polo seu interese na conservación e difusión da nosa tradición musical, se xuntaron para profundizar no coñecemento e na aprendizaxe da música popular galega. No ano 1996 animados polo seu mestre Xulián Carabelos, deciden forma-lo grupo de música tradicional Os Chichisos. Pero definitivamente, sería no ano 2000, cando se comeza a traballar intensamente na recuperación e divulgación do noso acerbo cultural. Dende ese ano son múltiples as súas colaboracións en diferentes ámbitos da vida cultural de Pontevedra. No ano 2007, e para poder darlle un pulo ó seu labor divulgativo, constitúense como asociación cultural. Se hai dous aspectos que caracterizan aos Chichisos son o seu espírito festivo e lúdico e o seu compromiso coa realidade social e cultural da súa cidade e do seu país. Poderiamos resumir a actividade dos Chichisos ó longo destes anos en catro puntos básicos ou campos de actuación: divulgación e actividades didácticas, recuperación de tradicións, compromiso social e a festa e goce coa música popular galega.

COMPARTIR