Obradoiro de Lámpadas

114
A concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón asiste mañá ao certame santigués do Mercado Atlántico de Creación Contemporánea (MACC) para presentar o obradoiro de elaboración de lámpadas decorativas no que participou a Unidade de Día do Concello, incluída dentro do Plan Municipal de Condutas Aditivas. Margarita Castejón irá acompañada de Carlos Martín, xefe do servizo de Drogodependencias do Concello de Pontevedra, e Ismael Rodríguez, monitor do taller.

A intervención da delegación de Pontevedra comezará coa mostra dun vídeo e dos produtos realizados no taller, continuando coa conferencia “¿Ademais do crecemento económico, de que outra maneira poden contribuír as industrias creativas ao desenvolvemento e a normalizar as relacións sociais?” Na charla participarán Margarita Castejón e Ismael Rodríguez. A continuación farase unha demostración do proceso creativo, cunha duración de dúas horas e media.

O proxecto do Taller de Deseño e Produción (TDP) aplicado á atención de drogodependentes, dentro do Plan Municipal de Condutas Adictivas, ten como obxectivo prioritario a integración social dos pacientes. Consiste en desenvolver as posibilidades da arte como instrumento para o crecemento do enfermo e para a súa inserción, respectando as visións individuais ao tempo que se potencia a aprendizaxe conxunta.

Dentro deste obradoiro prodúcense obxectos de deseño, a través de técnicas como a delineación, o debuxo, a pintura, a maquetación, a iluminación, a decoración e a montaxe.

O fin en realidade non é o produto, senón o proceso de creación, que axuda ao paciente a mellorar a concentración, xerar sensacións positivas e establecer hábitos. Ao mesmo tempo, apoia o mantemento da abstinencia. Durante o taller os drogodependentes entenden que hai outras formas de entreterse e que poden controlar as súas emocións e normalizar as súas relacións sociais. Moitos comprenden ao crear cousas positivas que as súas capacidades eran máis amplas do que eles pensaban.

Margarita Castejón informou a pasada semana que os servizos xurídicos municipais están a estudar as fórmulas para abrir vías de comercialización das lámpadas, de moi boa calidade e cunha estética moderna e inspirada nas formas xeométricas do xogo do “Tetris”, pero que foi evolucionando e mudando en novos modelos a partir das suxestións das persoas que participan nesta terapia. Os ingresos empregaríanse na adquisición de materiais para a elaboración de novas pezas.