Gardería Monte Porreiro

156

A nova escola infantil, construída ao 100% con fondos municipais, ten un orzamento de contrata nesta segunda fase de 469.005,31 euros. A este importe hai que engadir os 105.720,67 euros ofertados en melloras e que se traducirán na dotación de mobiliario para toda a instalación, instalación de cortinas nas aulas e, finalmente, nun parque infantil no patio exterior da escola. Terá capacidade para 61 nenos/as de 0 a 3 anos, repartidos en catro unidades de 0-1, 1-2 e 2-3 anos.
Margarita Castejón lembrou o compromiso público da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e instouna a acelerar os trámites para a sinatura do convenio que permita a entrada en funcionamento, en condicións semellantes á da gardería da Parda, tamén executada polo Concello e que botará a andar en xaneiro.
A concelleira cualificou como magnífico o resultado final das obras e destacou o bo traballo do arquitecto, José Luis Basanta. Destacou que as aulas son especialmente luminosas e no entorno hai moito espazo para xogar e mesmo unha pequena horta concibida con fins didácticos.
O proxecto contempla un edificio de andar baixo, de forma rectangular e con dous volumes ben diferenciados. O de máis altura dedicado a aulas e o de menor, a servizos. Os teitos son altos e as paredes dispoñen de grandes superficies acristaladas, especialmente nas aulas. O acceso principal realízase dende un porche cuberto, que poderá ser utilizado tamén para xogos nos días de choiva. Hai un área de aparcamento para os carros de bebé. O edificio contará tamén cunha saída de emerxencia e unha entrada de servizo.
As dependencias inclúen control de entrada e saída, vestíbulo e distribuidor xeral, catro aulas con zonas auxiliares, zona de descanso con berces para os máis pequenos, servizos hixiénicos ou para cambio de cueiros, despachos, sala de profesores, cociña, zona de lavado-secado de roupa, sala de caldeiras e almacéns. Os materiais elixidos defínense pola calidez, suavidade e seguridade, con pavimentos brandos de materiais sintéticos e teitos de madeira. Todo o edificio contará con proteccións nas tomas de corrente e elementos de seguridade en portas e ventás para evitar accidentes ou lesións dos nenos/as. Disporá de calefacción por solo radiante, así como producción de auga quente e apoio á calefacción por medio de paneis solares.
A superficie construída é de 454 metros cadrados, aos que se engade o porche cuberto, de 127 metros cadrados.

COMPARTIR