Dependencia balanzo

125

Margarita Castejón explicou que as bases do Plan E de 2010 permitiron dedicar aos servizos sociais ata un 20% dos cartos correspondentes a cada concello. En Pontevedra, 175.000 euros do total de 325.000 que foron parar á Concellería de Benestar Social, asignáronse especificamente ao Programa de atención á Dependencia, que consistiu na contratación de tres traballadores sociais, un fisioterapeuta e un auxiliar administrativo.
Este equipo, creado este ano e que continuará traballando ata o remate do exercizo, permitiu sacar adiante 450 expedientes e dar unha atención inmediata aos novos solicitantes ao longo dunha tramitación administrativa que é complexa porque inclúe unha visita preliminar ao propio domicilio, seguida da elaboración dun informe de valoración e da elaboración dun Plan Individualizado de Atención (PIA). A concelleira explicou que, sumando todos os datos dende a entrada en vigor da lei, en novembro de 2007, o Concello realizou 1.344 intervencións relacionadas coa Dependencia. O ritmo de traballo acelerouse notablemente este ano como consecuencia dos reforzos do Plan E.
Das 1.344 actuacións municipais, 1.090 corresponden á elaboración de informes de valoración, dos que 898 xa están rematados e só 6 pendentes (os restantes 192 son imposibles de atender por incumprir requisitos, residir noutro municipio ou ter falecido recentemente). As restantes 254 actuacións consistiron na elaboración dos PIA, dos que xa están rematados 205 e 43 non poden seren realizados polos mesmos motivos.
Margarita Castejón recalcou que o Concello só tramita as solicitudes, mentres que a competencia para resolver e recoñecer a valoración dos dependentes e, no seu caso, dunha prestación económica corresponde á Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia. A día de hoxe, no Concello só hai constancia oficial de 419 resolucións favorables, que se reparten en 18 de Servizo de Axuda no Fogar do Concello, 34 de Residencia pública, 28 de Centro de Día, 1 de libranza para adquisición de Servizo de Axuda Domiciliaria privado, 4 de libranza para Centro de Día privado e 334 de libranza para coidados no entorno a través de coidadores non profesionais.
Por outra banda, Margarita Castejón destacou que, ademais da posta en marcha do Programa de atención á Dependencia, tamén se puxo en marcha unha unidade de Formación e Información de Coidadores non Profesionais. Organizáronse nove cursos, dos que seis xa concluíron e outros tres se están a realizar nestes intres e nos que xa participaron ou están a participar 101 persoas. Destacou a importancia desta iniciativa, que forma a este tipo de coidadores, moitos deles familiares directos do dependente, en cuestións tan prácticas como os primeiros auxilios, os cambios posturais, habilidades sociais e de comunicación e promoción da autonomía.
Finalmente, Margarita Castejón, diante das afirmacións á prensa da conselleira, Beatriz Mato, no sentido de que a Xunta non admitirá novos recoñecementos, destacou o compromiso firme do Concello de Pontevedra para aplicar todos os recursos dispoñibles en sacar os expedientes adiante e apelou á necesidade de que todas as administracións colaboren ao máximo das súas posibilidades, sen escudarse na crise económica. As declaracións da conselleira, engadiu, non se concretaron en ningunha comunicación oficial ao Concello, que seguirá impulsando todos os trámites coa maior celeridade e con total independencia de que se podan cumprir os ritmos e calendarios previstos na lei para a atención dos distintos graos e niveis.