Obradoiros Memoria

87

A concelleira Margarita Castejón explicou que este tipo de actividades son accións encamiñadas a estimular a autonomía persoal e, por tanto, a retardar a dependencia funcional. Engadiu que son ferramentas útiles tanto para manter habilidades como para recuperalas, relacionarse con outras persoas, dedicarse tempo a un mesmo, saír da casa e circular libremente.
Os Obradoiros celebraranse especialmente no ámbito rural para compensar a menor oferta de actividades en relación aos habitantes do centro urbano. Cóntase coa colaboración das asociacións de veciños das distintas parroquias. A campaña continuará ata xullo de 2011.
Están a cargo de especialistas na materia con formación específica en atención a persoas maiores (unha psicóloga, unha traballadora social, un animador sociocultural e un musicoterapeuta). O programa está elaborado cunha perspectiva bio-psico-social e co obxectivo de garantir niveis óptimos de calidade de vida e a necesidade de adquirir hábitos saudables en todos os niveis da vida.
A concelleira de Benestar Social destacou que os problemas de memoria son frecuentes nas persoas maiores. Esquecen os nomes dos seus coñecidos, non dan un recado a tempo, deixan sen apagar o gas ou a luz, non toman os medicamentos, esquecen onde deixaron as cousas e obxectos da vida cotiá… A memoria, engadiu, é parte esencial non só das nosas vidas senón tamén da nosa identidade persoal.
A actividade desenvólvese en catro módulos: Habilidades sociais, Expresión corporal, Adestramento da memoria e Musicoterapia.
Os obradoiros pasarán polas parroquias de Ponte Sampaio, Lérez, Bora, Estribela, Marcón, Salcedo e O Burgo. Como novidade deste ano, un dos obradoiros será na Residencia Virxe do Camiño (o Asilo de Anciáns), dentro da liña de colaboración que o Concello mantén con esta institución. En cada obradoiro participan unha media de 25 persoas, polo que agárdase unha cifra de participación de 180 persoas, que poderían chegar a 200 se a demanda o require.
En Pontevedra hai 18.935 habitantes que teñen máis de 60 anos. Deles, 4.457 teñen máis de 80 anos, dos que un 32% son homes e un 68% mulleres.

COMPARTIR