Comité de Drogas

87

A concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón, anticipou a súa opinión de que o proxecto de lei ten un enfoque excesivamente sancionador e pouco centrado na prevención, que debería ser o verdadeiro cerne da nova lei. A edil engade que é preciso abrir o debate á sociedade porque a futura lei non pode ser só cousa de políticos e técnicos da Consellería, senón tamén dos cidadáns. Non chega con pechar as portas dos establecementos de venda e consumo de alcohol, insistiu Castejón, quen opina que este tipo de leis só son efectivas cando son asumidas pola sociedade.
O Comité de Drogas está presidido por Margarita Castejón e conta con representantes da Policía Local, do servizo de Drogodependencias, do Plan Municipal sobre Condutas Adictivas, da área de Dinamización Sociocultural e Deportes, da Cruz Vermella e da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade.
Por outra banda, o comité anticipou que o próximo día 18 celebrarase a xornada do Plan Municipal sobre Condutas Adictivas, que ano tras ano reúne a máis dun centenar de profesionais da saúde, da educación e dos servizos sociais, e que este ano abordará a cuestión da “Intelixencia emocional”.
Margarita Castejón trasladou ao comité do estado de incerteza dos convenios de drogodependencias, que serven de base para o funcionamento da Unidade Asistencial Drogodependencias, e que se subscribían coa Consellería de Sanidade. O convenio deste ano foi canalizado a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), unha vía que non resultou satisfactoria e que, a pesar diso, parece que continuará a aplicarse no próximo ano.
Finalmente, o Comité de Drogas foi informado da incidencia de novos recortes orzamentarios por parte da Xunta en materia social. Así, constatouse a desaparición dos programas “Clases sen fume” e “Cinensino”, que chegaban anualmente a máis dun milleiro de estudantes pontevedreses de Educación Primaria e Secundaria. O Concello continuará coa súa planificación e cubrirá os baleiros. Están en marcha os programas municipais de prevención de consumo de tabaco e tamén un cinefórum que viaxará polos colexios da cidade co obxectivo de informar sobre os riscos e prexuízos do consumo de drogas. Esta nova fórmula, que substitúe as habituais proxeccións no Teatro Principal, permitirá que os rapaces participen na actividade sen saír dos colexios.