Curso dependencia

95

A concelleira, Margarita Castejón, destacou o éxito desta iniciativa, que se traduciu mesmo na circunstancia de que algunha das participantes non puido asistir ao acto de clausura porque xa está a traballar. De feito, oito das 15 teñen actualmente un contrato en vigor, seis delas en atención a persoas dependentes en domicilios particulares e outras dúas en tarefas de limpeza e conserxería, respectivamente.
O curso consistiu en 150 horas de formación teórica e 250 horas de prácticas. As participantes foron, na súa totalidade, mulleres participantes no Plan Municipal de Inclusión Social. Todas elas presentaban problemas de escaseza de recursos.
Margarita Castejón puxo especial énfase no grao de interese amosado durante a realización do curso. O esforzo quedou ben patente co alto índice de asistencia rexistrado, a pesar de que o curso celebrouse en horario de tarde, o que supuxo algunhas dificultades para compatibilizalo coa atención aos fillos.
A concelleira defendeu como un acerto a dotación cunha axuda económica para cubrir os gastos de desprazamento ata as instalacións de Amencer-Aspace, axuda que contribuíu a este éxito. Asemade, expresou a súa satisfacción pola excelente valoración final dos contidos do curso realizado polas propias participantes. Un interese que queda tamén acreditado polo feito de que tres das mulleres compaxinaron o curso coa asistencia a unha autoescola, co obxectivo de incrementar a súa empregabilidade.
Das 15 mulleres participantes neste curso de formación de coidadores de persoas dependentes, 5 son inmigrantes procedentes de Colombia (3), Perú (1) e Ghana (1); outras tres son perceptoras do RISGA e outras tres tiñan empregos precarios ou en economía somerxida como empregadas de fogar ou como coidadoras de persoas maiores.
Delas, un total de 10 teñen fillos menores ao seu cargo e en oito casos trátase de familias monoparentais. As idades das participantes oscilan entre os 24 e os 50 anos.

COMPARTIR