Prórroga orzamento 2010 para 2011

105

A Xunta de Goberno Local acordou esta semana prorrogar o
orzamento municipal 2010 para o próximo ano 2011. Así o confirmaron os concelleiros
Raimundo González e Margarita Castejón, logo de estudar, durante
varias semanas, a situación económica de futuro do país e do Concello.

Os concelleiros argumentaron que “en situación de crise
económica prodúcense incertezas que impiden saber que o que vai pasar no
futuro. Existe unha baixa dos ingresos por parte do Estado, tamén das
transferencias da Xunta de Galicia. E está pendente de avaliar os ingresos
propios (o cobro de taxas e impostos municipais), aínda que creemos que non
teñen por que sufrir cambios”.

Explicaron que “o obxectivo do Goberno local
é seguir prestando os mesmos servizos e coa mesma intensidade aos veciños de
Pontevedra nesta situación de crise”, e pódese facer “tendo en conta que a
situación financeira do Concello é boa, e moito mellor que noutros concellos
galegos”.

Ante esta situación, indicaron que “consideramos que o máis
oportuno é prorrogar os orzamentos de 2010”. O orzamento de 2011 incluirá a
conxelación de taxas e impostos municipais, e utilizará todas as técnicas
orzamentarias necesarias (incorporacións de Tesourería, peticións de préstemo,
incorporación de remanentes…) para manter as prestacións do presente ano.

Manifestaron que “se a situación de incerteza se despexara
non habería problema en elaborar un orzamento para 2011”. E aseguraron que esta decisión
“é un exercicio de transparencia do que está pasando”, de feito de non adoptar
esta decisión “o Concello se vería abocado a restrinxir servizos ou a rebaixar
a súa prestación”, situación que o Goberno Local nin sequera baralla.

COMPARTIR