Plan Inclusión

95

Margarita Castejón revelou que a eliminación do Plan, que está financiado ao 80% pola Unión Europea, deixa sen equipos municipais de Inclusión ás sete grandes cidades galegas e o consorcio da Mariña lucense. A edil denunciou a desaparición da partida de 1.134.000 euros do proxecto de orzamentos da Xunta, o que para Pontevedra suporía a perda dos 138.500 euros que recibe a través dos sucesivos convenios anuais.
O Plan de Inclusión atende, dende a súa posta en marcha a un total de 1.711 usuarios pontevedreses, para o que conta cun equipo composto por dúas traballadoras sociais e unha educadora social. Este equipo é, ao mesmo tempo, o encargado de tramitar os expedientes da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), así como de elaborar o proxecto de inserción dos beneficiarios e facer o seguimento individual. Engadiu que hai uns 90 beneficiarios da RISGA e que a desaparición do equipo implicará unha carga imposible de asumir para os Servizos Sociais.
A concelleira subliñou que, dende a súa posta en marcha, o Plan de Inclusión de Pontevedra acadou un total de 280 insercións laborais, cifra que, insistiu, hai que poñer moi en relación co perfil do colectivo atendido, dado que un 58% dos usuarios son mulleres, a maioría teñen entre 35 e 44 anos, un 70% deles son españois e o resto inmigrantes e un 70% carecen de estudos e/ou experiencia laboral.
Castejón recalcou que ao longo do ano realízanse actividades de información e asesoramento, actuacións preformativas e de axuda na busca de emprego e de vivenda, así como todo tipo de cursos específicos para a súa reinserción laboral como os de dependente, reciclaxe de roupa, limpeza industrial, atención a enfermos de Alzheimer, xardinería, caixeira, etcétera. Outros están especificamente deseñados para inmigrantes. Finalmente, o equipo de Inclusión organiza prácticas en distintos centros de traballo e ocúpase da monitorización e apoio daqueles que xa acadaron un contrato laboral.
A concelleira concluíu en que confía en que a Xunta cometera un erro na elaboración do proxecto de orzamentos, porque de non ser así, sería un horror. Por tanto, reclamou que se atendan as emendas xa presentadas no Parlamento galego para que corrixa esta eiva e o Plan de Inclusión poda continuar adiante nas sete grandes cidades galegas. Finalmente, indicou que, de non haber marcha atrás, o Concello de Pontevedra fará o que poida para seguir atendendo a un colectivo moi sensible e que non se pode deixar na estacada.

COMPARTIR