Plan Condutas Adictivas

114

A concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón García, presentou hoxe a Xornada acompañada do xefe da Unidade de Día, Juan Luis González. Ambos destacaron a importancia que o concepto de Intelixencia Emocional está a adquirir e que se ten traducido mesmo na publicación de libros ou en programas de televisión e radio. Castejón García destacou que o concepto tradicional de intelixencia está a ser seriamente cuestionado, de xeito que un maior cociente intelectual xa non pode considerarse como garante do éxito ou da felicidade.
Margarita Castejón destacou que hai xa máis de 140 inscricións de profesionais de campos tan diversos como a educación, a sanidade, os servizos sociais ou a psicoloxía. A xornada incluirá catro conferencias en horario de mañá que abordarán os ámbitos das Condutas adictivas, Social, Sanitario e Educativo. Pola tarde será a quenda dos seminarios que volverán a incidir sobre estes catro ámbitos. Os expertos invitados son Desirée Ruiz Aranda, profesora do Departamento de Psicoloxía Básica da facultade de Psicoloxía da Universidade de Málaga, quen será a encargada de abordar a vertente que relaciona a intelixencia emocional coas condutas adictivas; María del Carmen Gutiérrez Moar, profesora do departamento da Teoría da Educación da Universidade de Santiago, quen tratará o ámbito social; María Dolors Navarro, profesora asociada de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade Autónoma de Barcelona, encargada do aspecto sanitario; finalmente, Rafael Bisquerra Alzina, catedrático de Orientación Psicopedagóxica da Universidade de Barcelona, quen será o encargado de abordar o ámbito educativo. O horario de mañá abrangue das 9.00 ás 14.00 horas e, xa pola tarde, os seminarios estenderanse dende as 16.00 ata a clausura, xa sobre as 20 horas, a cargo da concelleira de Benestar Social.
A xornada anual do Plan Municipal de Condutas Adictivas de Pontevedra está a acadar recoñecemento en toda Galicia. Comezaron en 2004 dedicadas ás “Liñas Mestras dos plans municipais sobre drogas”. A partir de aí, sucesivamente, centráronse en “A importancia do contexto social”, “As outras adiccións”, “Intervención con adolescentes” e, finalmente, o pasado ano estudáronse os modelos de intervención terapéutica baixo o título “Tres claves para a intervención na relación de axuda”.
A xornada é de balde e ao remate expídese un diploma de asistencia.