Campaña violencia

96

A concelleira de Benestar Social, Margarita Castejón, presentou hoxe a campaña, que inclúe tamén a publicación dun calendario que traslada a mensaxe de que a loita contra esta lacra social debe prolongarse durante todos os días do ano e debe abranguer a todos os ámbitos da vida pública e privada. A campaña inclúe, ademais, un debate que se emite esta noite, entre as 11.00 e as 11.30 horas en Localia.
A edil subliñou que ninguén, especialmente as institucións, pode baixar os brazos e garantiu que o Concello vai facer malabarismos para manter o mesmo nivel de funcionamento no Centro de Información á Muller (CIM), un servizo municipal que ten un custo anual de 150.000 euros, e que, a pesar diso, está a ver moi reducidas as subvencións da Xunta de Galicia, que pasaron de 32.000 euros o pasado ano a só 24.386 euros neste exercizo.
A concelleira aludiu tamén á creación dunha mesa de Violencia de Xénero dentro do Consello da Muller (o órgano de participación social no que o Concello dá voz ás asociacións de mulleres, aos sindicatos e ás vocalías de Muller das federacións veciñais) e na que se coordinan protocolos de atención, se cruzan datos e se crean canais de comunicación con ámbitos tan importantes como o educativo e o sanitario.
ESTATÍSTICAS
O CIM atendeu durante o que vai deste ano un total de 188 casos, dos que 33 corresponden a malos tratos físicos non denunciados, 64 aos malos tratos físicos denunciados, 42 casos de malos tratos psicolóxicos non denunciados, 32 malos tratos psicolóxicos denunciados, 14 casos de malos tratos familiares e tres agresións sexuais. Do total de 96 casos de malos tratos denunciados (sumando os físicos e os psicolóxicos) deriváronse 61 ordes de protección.
A estatística municipal marca un continuo e preocupante crecemento dos casos atendidos no CIM. Dos 60 casos do ano 2002 chegamos a 165 casos no pasado ano de 2009 e aos 188 no que vai de 2010. A concelleira de Benestar Social amosouse especialmente sensible co incremento nos casos de maltrato psicolóxico.
Por outra banda, o maior número de casos de violencia concéntrase, destacou Margarita Castejón, na franxa de idade que vai dos 20 aos 40 anos o que, na súa opinión, demostra que as pautas de submisión e dominación e os estereotipos sexuais seguen moi presentes na nosa sociedade.