Bases Cidade de Pontevedra 2010

161

A Concellaria de Cultura volve a convocar o premio Cidade de Pontevedra que se entregara o vindeiro 20 de xaneiro, coincidindo co dia de San Sebastian. A presentacion de candidaturas podera facerse ata o 5 de xaneiro.



BASES DO PREMIO “CIDADE DE PONTEVEDRA”

 

Julio Dapena Outomoro, Secretario Xeral do Concello
de Pontevedra.

Certifico:
que o Pleno da Corporación, na sesión ordinaria que tivo lugar o día vintecinco
de novembro do ano dous mil, adoptou o seguinte acordo:

8.
PREMIOS CIDADE DE PONTEVEDRA: MODIFICACIÓN DAS BASES REGULADORAS DA CONCESIÓN
DOS PREMIOS CIDADE DE PONTEVEDRA .

Dáse conta do dictame, favorable por unanimidade,
da Comisión Informativa Permanente de Política Social e Promoción do Benestar,
sobre a modificación das bases reguladoras da concesión dos Premios Cidade de
Pontevedra.

Rematando o debate, o Pleno da Corporación, por
unanimidade e de conformidade co dictame da Comisión Informativa Permanente de
Política Social e Promoción do Benestar, acorda aprobar a modificación das
devanditas bases, sendo o texto íntegro das bases modificadas o seguinte:

 

Preámbulo:

Os Premios
Cidade de Pontevedra teñen como finalidade galardoar o relevante labor
desenvolto na modalidade individual por unha persoa física e, na modalidade
colectiva, por persoas xurídicas (asociacións, entidades ou colectivos de
caracter cultural, social xuvenil, empresarial, etc..). O xurado terá en conta
e valorará especialmente o labor desenvolto no ano que corresponda.

1.    Dos
galardoados:

Concederanse
os seguintes premios:

A)    A
unha persoa física vencellada, dalgún xeito, ao municipio de Pontevedra e os
seus habitantes.

B)   A
unha persoa xurídica, asociación, entidade ou colectivo que teña desenvolto un
labor de especial proxección cara Pontevedra e os seus habitantes.

Para
cada unha das modalidades comprendidas nos apartados A) e B), outorgarase un
único premio, que consistirá nun Teucro de prata e un diploma.

 

2.    Da
proposta de candidatos:

O Concello de Pontevedra fará pública unha
convocatoria para a presentación de propostas nas que se sinalará o prazo,
dándoselle a oportuna publicidade para o coñecemento de tódolos cidadáns.

Dito prazo de presentación de candidaturas
comezará o día 5 de decembro do ano en curso, e rematará o día 5 de xaneiro do
ano seguinte.

Os candidatos, a ámbalas dúas modalidades,
poderán ser propostos por calquera asociación, institución, entidade ou
colectivo do municipio de Pontevedra; sen que pida ningunha delas propoñerse a
ela mesma. Ditas propostas serán presentadas no Rexistro do Concello. Nelas
sinalaranse tódolos datos posibles do candidato ou candidatos propostos.
Deberase adxuntar, asimesmo, unha memoria xustificativa que saliente a
traxectoria persoal e profesional de cada un dos candidatos propostos.

As persoas físicas ou xurídicas propostas
deberán sempre ter coñecemento da súa candidatura.

 

3.    Do
xurado:

3.1. Do Presidente do xurado: a presidencia a
ocupará o Ilmo. Sr. Alcalde, co seu voto de calidade, quen a poderá delegar no
Presidente da Comisión Municipal Informativa da área correspondente. Actuará
como secretario o titular da corporación ou o funcionario en quen este delegue.

3.2. Dos Vocais: o xurado estará composto polos
membros da Comisión Informativa da área correspondente, incluído o presidente
da mesma. Representarán, de xeito proporcional, aos distintos grupos
municipais; asimesmo, formarán párate do xurado cualificador dos Premios Cidade
de Pontevedra, un representante elixido entre as asociacións veciñais, outro
entre as culturais e un terceiro entre os medios de información con
representatividade no municipio. Ditos representantes poderán selo por un só
período, aínda que poderán ser ratificados ou reelixidos.

 

4.    Da
elección dos candidatos:

Unha vez rematado o prazo de presentación de
propostas, o xurado fixará a primeira das súas reunións, ao longo da semana
seguinte á da finalización do prazo de presentación de candidaturas, co fin de
analizar as propostas existentes. Procederase ao estudo, polo miúdo, da
biografía e do currículo de cada un dos candidatos propostos.

Tódolos membros do xurado tratarán de
consensuar, de maneira unánime o outorgamento dos premios;  de non ser así, deberá chegarse á
obtención dunha maioría cualificada de dous tercios.

 Se
o xurado, na primeira reunión, non chegase a unanimidade ou a unha maioría
cualificada de dous tercios, poderán propor outros candidatos nunha segunda
sesión, sempre que sexa por unanimidade, tanto a proposta como a elección.

Asimesmo, poderase deixar deserto o premio.

Unha vez realizada a votación, e elexidos os
premiados, o xurado gardará segredo sobre as deliberacións da sesión.

 

5.    Da
entrega de premios:

Unha vez que o xurado acorde os premios, a
corporación municipal, en sesión plenaria, prestará aprobación aos mesmos; esta
decisión será inapelable.

A corporación comunicaralles aos galardoados a
concesión dos premios.

Os premios serán entregados na sesión
extraordinaria de honras que, para tal efecto, ten lugar tradicionalmente o día
20 de xaneiro, festividade de San Sebastián.

 

Disposición
Final:

En todo aquilo que non se prevexa nas presentes
bases, facúltase ao xurado cualificador para a súa interpretación e resolución.

O feito de presentar propostas aos Premios
Cidade de Pontevedra supón a total aceptación das presentes bases.

E para que conste, coa salvidade á que se
refire o artigo 206 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime
Xurídico das Entidades Locais, expido a presente certificación de orde e co
visto e prace do Sr. Alcalde, en Pontevedra a trinta de novembro do ano dous mil.