Ponte Nadal

82

A feira abre as súas portas o próximo venres, día 17, e permanecerá en funcionamento ata o 5 de xaneiro, coa única excepción das xornadas festivas dos días 25 de decembro e 1 de xaneiro. O público poderá atopar, baixo a carpa da praza do Teucro, unha ampla oferta que vai dos produtos relacionados co sector do coiro, á prata, pel, cerámica, xoguete, mel, bisutería e todo tipo de artesanía. Os stands estarán ocupados por artesáns da cidade de Pontevedra e a provincia, aínda que hai tamén representación da Coruña, Ourense e Portugal.
Ponte Nadal recibe máis de 20.000 visitas, o que dá idea do poder de convocatoria deste evento. O concelleiro García Lores subliñou que trátase xa dun clásico na actividade comercial do Nadal en Pontevedra. Destacou que Ponte Nadal é unha aposta pola dinamización do Centro Histórico, un evento que xera un ambiente positivo de cara as compras e que incita, ademais, ao consumo responsable na medida en que aposta polos produtos de artesanía.
A feira cumpre este ano a súa décima edición, aínda que este aniversario corresponde á etapa na que a actividade foi regulada axeitadamente polo Concello. Do seu tirón dá boa idea o feito de que moitos dos artesáns repiten. O CCUZM recibiu moitas solicitudes de participación, entre as que se seleccionaron os 38 expositores finais a partir de criterios como a pertenza ao Centro Comercial, o feito de ter acudido en anos anteriores, a proximidade a Pontevedra ou a orixinalidade do produto.

COMPARTIR