Visita apertura gardería Parda

106

Santos Alfonso, que acudiu en substitución da concelleira Margarita Castejón, destacou que o presidente da Xunta de Galicia anunciou este mesmo mes a apertura de 25 novas escolas infantís en Galicia. O Concello aplaude estas novas, consecuencia da programación iniciada na anterior lexislatura autonómica, pero instou á Xunta a non dar as costas ao barrio pontevedrés de Monte Porreiro, que con preto de 7.000 habitantes ten máis poboación que moitos pequenos concellos galegos.
Carmen Santos lembrou que a ratio recomendada é dun 30% de prazas públicas de gardería para a poboación de 0 a 3 anos. En Pontevedra, 2.461 nenos e nenas están dentro desta franxa de idade e, tendo en conta que cos novos centros abertos estes días hai 422 prazas dispoñibles, a ratio actual é de pouco máis do 17%, moi lonxe aínda dos estándares recomendados, polo que non se entende que a Xunta non priorice a posta en marcha dun centro xa construído e que supuxo un importante esforzo económico para o Concello.
A responsable municipal entende que non é admisible que a Xunta pretenda que o Concello poña en marcha directamente a gardería de Monte Porreiro, o que suporía un gasto importante para a institución municipal cando as competencias en materia de Educación Infantil corresponden á Xunta. Comparou esta suxestión coa posibilidade de que o Concello se poña tamén a xestionar as residencias de maiores. Por este motivo confiou en que a Consellería de Benestar Social reconsidere as súas previsións.
No que atinxe á gardería da Parda, construída no marco dun convenio entre o Concello e a anterior Xunta, oferta 121 novas prazas (repartidas en dúas aulas de 0-1 anos; tres aulas de 1-2 anos e tres aulas de 2-3 anos) na zona de maior crecemento da cidade. Foi executada cun orzamento total, incluíndo cociña e mobiliario, de 1.388.965,56 euros, dos que 608.000 corresponden á achega da Xunta e o resto corresponden aos fondos municipais. O Concello asumirá ademais os gastos de mantemento e funcionamento ordinario, con 186.000 euros anuais.
A escola infantil de Monte Porreiro, que está dotada con outras 61 prazas, supuxo un custo para as arcas municipais de 847.788,17 euros, e está completamente equipada e lista para acoller aos nenos e nenas.
O investimento municipal para completar a rede pública de garderías durante este mandato ascende a 1.628.753 euros, un esforzo que non ten precedentes na historia do Concello de Pontevedra.

ESCOLA INFANTIL DA PARDA

A Escola Infantil da Parda está construída nunha parcela de 2.823 metros cadrados de forma rectangular e situada entre a rúa Diego Sarmiento de Acuña, o centro de saúde da Parda, a rúa da Abundancia e o Conservatorio de Música. A superficie total construída do edificio é de 1.045,17 metros cadrados e os espazos exteriores chegan ós 868,75 metros cadrados. O proxecto corresponde ao arquitecto José Ramón Garitaonaindía de Vera.
A edificación dispón de sistemas de climatización que garanten unha temperatura interior idónea. O solo é de parqué industrial cun grosor de 12 centímetros. Presenta dúas áreas claramente diferenciadas: as aulas e unha pequena rede de espazos servidores que se apegan ao muro perimetral e que, en función do seu uso, poden compartir coas aulas o espazo central. A administración e a área de servizos xerais están apegadas ao muro perimetral e nútrense da luz que entra por unha serie de pequenos xardíns interiores. As aulas quedan comunicadas por medio dun pequeno cordón umbilical que, a modo de corredor interior percorre toda a edificación. As ventás xogan un papel predominante e a súa decoración, con vinilos de cor vermello e malva, marca todo o aspecto interior e exterior da obra.