Día Muller

87

A concelleira de Benestar, Margarita Castejón García, presentou hoxe a campaña, e destacou esta mensaxe que, por desgraza, é unha realidade cotián para moitas mulleres. Por iso ao pé do cartel, en formato arrincable, esíxese “Capacidades igual a Oportunidades”.
Margarita Castejón volveu denunciar a escasa representación feminina ao fronte das institucións e colectivos sociais, un aspecto xa denunciado esta fin de semana polo Consello Municipal da Muller nunha carta difundida aos medios de comunicación. Dos 22 cargos máis representativos da cidade, 20 están ocupados por homes e só dous por mulleres. Denunciar isto non é ideolóxico, é a simple constatación dunha realidade, engadiu a concelleira. Hai temor a que se estea producindo un fenómeno de involución no empoderamento, engadiu a edil, xa que escasean as candidatas ás Alcaldías e no ámbito laboral, a maior capacitación das mulleres non acaba de producirse nun maior acceso aos postos que se ofertan no mercado.
A campaña municipal inclúe tamén un taco de notas coa mesma imaxe do cartel, un formato que se considera especialmente adecuado porque serve de permanente recordatorio nas mesas dos despachos.
Por outra banda, Margarita Castejón amosou a súa satisfacción despois da celebración, na tarde de onte, xoves, do certame “Coa túa palabra”. Preto de 40 persoas, homes e mulleres, leron textos alusivos á problemática das mulleres na sociedade.
A concelleira facilitou tamén os datos da memoria anual do Centro de Información á Muller (CIM) e resaltou que as súas oficinas trasladáronse á rúa de Arcebispo Malvar, onde contan cunhas condicións moito máis axeitada en comodidade e confidencialidade. O CIM veu reforzada a súa estrutura de persoal incorporando á psicóloga e a avogada existentes, unha auxiliar administrativa e unha traballadora social.
Durante o ano 2010 o CIM atendeu a 1.080 persoas cun total de 2.074 consultas. Delas 1.055 foron mulleres e 88 homes. Un total de 525 persoas recibiron atención psicolóxica e delas 293 precisaron de terapia. Outras 386 precisaron orientación xurídica e, finalmente, 207 orientación de tipo social.
O perfil das consultantes ofrece variacións con respecto ao ano pasado, dado que a idade media se incrementa. As maiores de 35 anos supoñen xa o 60% do total das consultas. O perfil típico é o dunha muller urbana, entre 26 e 55 anos, casada, cun ou dous fillos e sen traballo remunerado.
Aínda así, Margarita Castejón destacou que un 10% das mulleres que acoden ao CIM son menores de 25 anos, un dato especialmente importante porque demostra que, a pesar de todos os esforzos, os estereotipos machistas persisten entre as capas máis novas da poboación.