Festa Caldo

92

O alcalde agradeceu o esforzo da asocaición de veciños e lembrou que a festa do Caldo de Mourente e a da Anguía de Ponte Sampaio son os dous eventos gastronómicos que apoia o Concello e que teñen unha fonda repercusión e poñen a Pontevedra no mapa deste tipo de celebracións.
Santiago Laya lamentou a falta de apoio doutras administracións. Engadiu que non se pode deixar caír un evento que leva celebrándose 20 anos e non se debe someter aos organizadores á incertidume de non saber con que recursos contan, obrigándoos a ir mendigando polas institucións. Aplaudiu a colaboración estable do Concello de Pontevedra, que serve para pagar todas a infraestrutura necesaria, e que é o único soporte económico que nos últimos anos garante a celebración da festa.
Julio Castela expresou a súa sorpresa pola falta de apoio da Deputación Provincial ou a Xunta de Galicia que, en cambio, non teñen reparo en poñer cartos para outras festas gastronómicas, e animou á comisión organizadora a seguir traballando para que Pontevedra non perda esta convocatoria que atrae tódolos anos a milleiros de participantes.
A festa que se celebra no lugar dos Areás (Mourente) conta cun orzamento que ronda os 19.000 euros dos que o Concello de Pontevedra achega 9.000 euros. Agárdase que este ano se repita a cifra de asitentes do ano pasado e se repartan outras 6.000 racións.
O programa oficial arranca o sábado, día 12 ás 12.30 no Carballo de Santa Margarida, coa imposición de capas e medallas aos novos cabaleiros e damas da Orde do Caldo. A continuación sérvese un viño galego e racións de lacón, cacheira e ourella. A novidade deste ano será a degustación do caldo enlatado que comeza a comercializar a empresa «Marrón Glacé» gracias á iniciativa de José Posada, membro da Orde do Caldo.
O domingo, ás 13 horas, chega o día forte co pregón cantado a cargo de María do Ceo e a degustación deste típico produto galego a partir das 13.30 horas. Despois celebrarase o tradicional xantar.
O prezo da taza de caldo é de dous euros con dereito a levar a taza e a recuncar cantas veces se desexe. O prezo da cazola é de 4 euros e inclúe un chourizo, panceta, carne de tenreira, ourella, lacón, grelos e unha pataca.

COMPARTIR