Exposición Fondo Galego

96

Margarita Castejón, acompañada do director do centro, Román Latas, e da orientadora Dolores Pérez, tivo ocasión de valorar as viñetas nas que se afonda en temas como a pobreza, o racismo e a violencia. A exposición consta de 16 láminas de 120×80 centímetros, a toda cor . As láminas, que presentan dous debuxos en cada un dos paneis, son obra de 28 autores procedentes de 16 países diferentes. En clave visual e, nalgúns casos verbal, as caricaturas móstrannos os prexuízos que operan acerca da idea de paz, do racismo, das diferenzas sociais ou da guerra. Verdades en miniatura que retratan a sociedade contemporánea é a proposta desta exposición colectiva internacional, que non só serve de repaso á realidade actual, senón tamén como punto de debate cargado de sátira e ironía para amosar a cruenta realidade.
A pobreza é unha forma de inxustiza social, un xeito de violencia estrutural que nega as condicións mínimas de desenvolvemento humano e xera situacións de exclusión, racismo e violencia. A pobreza debuxa un mapa de continuos conflitos entre os seres humanos, o cal provoca un maior afastamento da posibilidade de convivir en paz. Así mesmo, a falta de oportunidades impide á sociedade medrar en condicións de dignidade, o que aumenta as diferenzas sociais e agudiza o abismo entre pobre e ricos. De aí se desprende que máis da cuarta parte da poboación mundial viva en situación de pobreza e que os países industrializados a sufran dun xeito insistente e en continuo crecemento.
O desenvolvemento sostible non é posible nun contexto de pobreza, violencia e racismo. Por iso, con esta exposición quere contribuír a crear un clima de opinión favorable á promoción dunha nova orde económica internacional, sen excluídos nin perdedores.
Durante os próximos meses, a exposición irá pasando polos institutos Luís Seoane (Monte Porreiro), Sagrado Corazón de Placeres (Lourizán), Sánchez Cantón e Xunqueira II.
Ademais, o próximo 4 de novembro, o Teatro Principal da nosa cidade acollerá unha das dez representacións da xira do programa TeatrAcción.

COMPARTIR