Fondo Galego de Cooperación

78

Entre as personalidades que avogaron pola cooperación municipalista áchanse escritores e escritoras como Fran Alonso e Yolanda Castaño, intelectuais como Ramón Lugrís e Xulián Maure ou xentes da política como Camilo Nogueira, Xosé Luís Rodríguez Pardo e Xesús Palmou. Tamén cantantes, xuíces, empresarios, xornalistas, pintores, actrices, avogados e historiadores, entre outros. Ao seu carón, opinan representantes de colectivos locais de comerciantes, mulleres, mocidade, ecoloxistas, culturais, etc. de toda Galicia.
Todas e todos eles debían responder a tres preguntas: Cre que a cidadanía é contraria á solidariedade internacional? Coida que Concellos e Deputacións deben implicarse na loita polo desenvolvemento e a erradicación da pobreza no mundo? Considera que a crise xustifica a supresión e/ou redución do compromiso manifestado ata hoxe coa cooperación internacional? As respostas non só se difundiron a través das redes sociais, senón tamén en seccións semanais específicas de RadioFusión e das edicións impresa e dixital de Xornal de Galicia, ademais de no blog creado por este medio.
As opinións coincidiron en amosar o apoio social á cooperación internacional, apostar polo compromiso das administracións locais e provinciais neste eido e rexeitar a crise económica como escusa para reducir as achegas: “A nosa memoria colectiva non nos deixa esquecer aos que onte recibiron aos nosos na procura dunha vida mellor, e a expresión desa gratitude debe ser a solidariedade cos que hoxe a necesiten para acadar un futuro máis próspero, no que a ninguén lle falte o básico para levar unha vida digna”. “Hai una crecente conciencia, en xeral en toda a sociedade e en particular entre os máis novos, da necesidade de colaborar con aqueles países que padecen a pobreza ou sofren réximes que limitan os dereitos humanos, e tamén da urxencia dunha nova orde internacional baseada na xustiza social e na paz que supere as formas de dependencia e as brutais consecuencias do neoliberalismo”. “A cooperación descentralizada implica que todos os niveis do goberno, sobre todo aqueles máis próximos á cidadanía, teñen moito que facer”. “Os Concellos e as Deputacións, como representación da cidadanía, deberían implicarse na loita polo desenvolvemento e na erradicación da pobreza, que son temas de grande preocupación social”. “As exiguas porcentaxes de orzamento público que se dedican a estas cuestións non deberan ser reducidas”. “Non se trata de loitar por restablecer os equilibrios só cando hai fartura, senón de ter para con esta actitude un compromiso serio, sólido e prioritario”. “En tempos de crise é cando se fai máis necesario un esforzo en cooperación”.

Iniciativas en ano electoral
Esta ‘Campaña a prol da solidariedade internacional desde o local’ encádrase nunha serie de iniciativas que está a levar a cabo o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no contexto do presente ano electoral. O conxunto de accións emprendidas frutificaron na consecución do compromiso das tres grandes forzas políticas en Galicia (PpdeG, PSdeG-PSOE e BNG) para incorporar nos seus programas-marco a pertinencia da cooperación internacional ao desenvolvemento realizada polas entidades locais e o recoñecemento do Fondo Galego como vehículo privilexiado para canalizar esa solidariedade.
Cómpre sinalar que as entidades locais están chamadas polas autoridades internacionais, españolas e galegas a dedicar o 0,7% dos seus orzamentos á cooperación internacional. As galegas dedican por volta do 0,05%, 14 veces por debaixo do mínimo esixido. Por outra banda, a poboación galega representa case o 7% da poboación do Estado. No entanto, segundo un estudo recentemente publicado pola FEMP, as achegas das entidades locais galegas á cooperación internacional representan o 1% do total achegado polas entidades locais de todo o Estado. Isto significa que estamos sete veces por debaixo da media estatal, mentres que dificilmente se podería soster que a poboación galega é sete veces menos solidaria que a do resto do Estado.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 95 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a pór en marcha unha intervención de post-emerxencia no Haití.