Gardería

104

Margarita Castejón dixo que o Concello asinará o convenio (que debe fixar o reparto dos custos de funcionamento a razón dun 30% para os pais/nas, un 30% para o Concello e un 40% para a Consellería) e non porá ningún impedimento “porque iso é o que vimos reclamando dende hai moitos meses”.
A concelleira, que admitiu estar perplexa diante das cifras ofrecidas pola conselleira, Beatriz Mato, sobre os esforzos da Xunta por abrir prazas de gardería pública en Pontevedra. Lembroulle que Monte Porreiro financiouse integramente polo Concello, A Parda case ao 60% tamén polo Concello, a gardería do campus pola Universidade e a Xunta tan só asumiu a escola infantil para os fillos dos seus funcionarios situada no edificio administrativo de Campolongo. Aínda así, dixo que hai que perdoar estes excesos verbais de Beatriz Mato, que situou no contexto da precampaña electoral, ao igual que a celebración do acto de onte en Monte Porreiro, rodeada de candidatos e concelleiros do PP.
Castejón engadiu que tamén hai que perdoar que non se teña respostado ás sucesivas cartas e comunicacións do Concello pedindo a apertura da gardería e que a conselleira mesmo contradiga ás notas de prensa que difunde, como a do mes de xuño de 2010 na que se comprometía á posta en marcha da escola infantil de Monte Porreiro.
A responsable municipal, asemade, se mostrou disposta a perdoar que a conselleira manifestara que tivo que gastar 80.000 euros a maiores para abrir a gardería da Parda. Castejón explicou que o proxecto inicial incluía unha cociña, pero a Consellería preferiu unha simple instalación para cattering. Finalmente, engadiu Margarita Castejón, cambiaron de opinión e retomaron a idea da cociña, cousa na que o Concello estivo sempre de acordo, o que ocasionou gastos a maiores para ambas partes.
Tamén dixo que é perdoable que Beatriz Mato diga que haberá que inspeccionar a instalación de Monte Porreiro para ver se cumpre a normativa, a pesar de que a xerente adxunta de Escolas Infantís e os inspectores da Consellería e o Consorcio Galego de Benestar xa a visitaron a finais do ano pasado e comprobaron que reunía todos os requisitos. Mesmo nos pediron unha modificación no mobiliario e adaptámonos ás súas preferencias, destacou a edil.
“Alégrame moito que a conselleira cambiara a súa postura e agora diga que vai abrir a gardería que lle construímos dende o Concello”, dixo Castejón, quen concluíu expresando a súa preocupación pola posibilidade de que o cargo lle caia grande a Beatriz Mato “porque parece que, ou ben non se entera moito, ou ben as responsabilidades a desbordan”.