Festas verán 2011

1442
Carme da Silva estrenouse esta mañá como nova concelleira de Festas presentando a programación de Festas de verán para os meses de xullo, agosto e setembro en Pontevedra. Quixo iniciar a súa intervención agradecendo o traballo “magnífico” que realizou a súa antecesora e compañeira, Anxos Riveiro e tamén o feito polo equipo de Festas e Cultura do Concello de Pontevedra “porque nesta programacion xa se ten que traballar dende tempo atras para poder presentala hoxe”.

A concelleira de Festas explicou que “buscamos que de xullo a setembro Pontevedra sexa unha cidade viva, alegre, orgullosa de ensinarse cunha programación para todos os gustos, idades e sensibilidades”.

Comentou que se fixo un gran esforzo “para reaxustar os gastos, incluíndo novidades pero mantendo un importante recorte no orzamento”. De feito, neste ano a Concellaría conseguiu que as festas de tres meses custen pouco máis de 900.000 euros, 90.000 menos que no pasado ano.

A concelleira destacou que as festas comezan tradicionalmente coa Romaría de San Bieito e continuará co Festival de Jazz, o XII Memorial Ricardo Portela, as festas de Santiaguiño, o Cinema na rúa, o Festixeve, o Concerto de Bandas Tributo, o Animatron ou Itineranta, un espectáculo de grande éxito que este ano celebra a súa segunda edición que será o prolegómenos da Semana Grande, entre o 13 e o 21 de agosto.

As Festas da Peregrina terán tres eixos: a praza de España, a Ferraría e a praza do Teucro. Na primeira terán lugar os grandes concertos; na Ferraría, haberá espectáculos singulares e daráselle contido á praza nestas datas que foi, ata o pasado ano, o centro neurálxico das festas da cidade; e a praza do Teucro, que terá contido exclusivamente infantil durante esas datas.

Ademais, durante a Semana Grande reforzarase moito a animación de rúa con charangas por toda a cidade e a “música de taberna” con grupos tradicionais.

Toda a programación en

www.pontevedra.eu/festas