Monte Porreiro: aprobación do convenio

73
O portavoz da Xunta de Goberno Local, Raimundo González Carballo informou esta mañá da aprobación do convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar e o Concello de Pontevedra para a xestión da escola infantil de Monte Porreiro.

Raimundo González explicou que “o Concello fai un esforzo importante xa que asume o 30% dos gastos do funcionamento: conservación das instalacións, suministros, auga, saneamento, lixo, limpeza, conexión internet, seguridade, xardinería…”. Esta aprobación supón “unha achega superior por parte do Concello, á que fai a outras escolas infantís ou de primaria”.

O portavoz do Goberno quixo deixar clara “esta decisión supón un esforzo moi grande para as arcas municipais, pero entendemos que os gastos da gardería son prioritarios”, de tal xeito que poida estar en funcionamento para o vindeiro curso escolar, no mes de setembro.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a prórroga do convenio coa xestión da canceira, que xestiona a asociación Palleiros. Supón unha achega de 26.325,57 euros, “un incremento do 3,3%”, segundo o portavoz Raimundo González.

Reforma de Riestra e García Alén

Outro dos temas tratados foi a reforma das rúas Riestra e García Alén. Trátase da reparación das dúas rúas que foron executadas polas empresas Cobra e Indeza, respectivamente. Será preciso levantar todo o pavimento de adoquín que quedou mal instalado (en Riestra á altura da Caixanova cara San Domingos). Esta actuación quedará reflexada nos rexistos do Concello e servirá como proba para as causas que ambolas dúas empresas teñen abertas contra o Concello.

E o proxecto tamén inclúe a remodelación da rúa Riestra no tramo comprendido entre Marquesa e a praza de España, que quedou pendente de executar tras a reforma da praza de España. Este proxecto xa foi remitido ao departamento de Patrimonio da Xunta para a súa aprobación.

O orzamento de todas as obras ascende a 232.451,25 euros.

COMPARTIR