Novas medidas de racionalización do gasto

87
O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González Carballo presentou esta semana novas medidas para a racionalización do gasto público no Concello de Pontevedra, facendo efectivo o acordo plenario de racionalización e contención do gasto. As medidas fan relación á construción do novo refuxo de animais, á reforma da Casa Consistorial e ao acondicionamento das instalacións da actual canceira, un investimento que superaría os 4 millóns de euros.

Raimundo González explicou que o refuxo de animais está adxudicada á unión de empresas Hidroscivil-Balboa por 1.013.000 euros, e están avanzadas as negociacións coa empresa para rescindir o contrato. Os gastos efectuados ata o de agora (arredor de 60.000 ou 70.000 euros) serían perfectamente asumibles polo Concello.

A decisión do Goberno Local foi remocicar as actuais instalacións da canceira (situadas no Vao), xa que as súas condicións son moi malas a día de hoxe. Segundo as previsións dos técnicos do Concello, o investimento estaría arredor dos 300.000 euros e permitiría a limpeza, pintado, construción de novos caniles para cumprir o ratio dun por can, nova instalación eléctrica… que permitiría a dignificación da actual canceira.

En relación á Casa Consistorial, o concelleiro explicou que o proxecto que baralla o Concello ascende a 2,5 millóns de euros. “Queremos variar o estudo inicial, que estaba pensado só para un uso de representación oficial”, informou Raimundo González. A nova proposta é que o edificio do Concello acolla servizos municipais na súa planta baixa e na superior se recupere o vello salón de plenos e se creen outras estancias como salas de reunión. Esta reforma suporía un investimento duns 700.000 euros.

Pola súa banda, os servizos que agora están na rúa Arcebispo Malvar poderían trasladarse a edificios de propiedade municipal, e as arcas públicas aforrarían máis de 40.000 euros ao ano en aluguer.

Estas operacións permitirían ao Concello facer todas as reformas precisas adecentando e mellorando os espazos cun investimento dun millón de euros, aproximadamente. Deste xeito aforraríanse 3 millóns e estarían cubertas as necesidades das dúas instalacións municipais, ademais de reducir un dos dous alugueres que agora ten o Concello.

Raimundo González explicou que tanto a construción da canceira como a reforma integral do edificio do Concello podería facerse “en época de bonanza, pero non na situación actual que nos obriga a conter o gasto de cara ao futuro”.

COMPARTIR