O Pazo da Cultura acollerá a XIII edición do Curso Internacional de Cerámica Contemporánea

83
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, presentou esta mañá o XIII Curso Internacional de Cerámica Contemporánea, acompañada de Xela Area, directora do curso, e Julio Montero, coordinador deste. Sonia Abollo, a outra coordinadora, non puido asisitir á reunión. O curso celebrarase a vindeira semana, entre os días 8 a 13 de agosto, cun horario de 9:00h a 13:30h pola mañá, e de 16:00h a 19:30h pola tarde. Este evento, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra, sitúa á cidade como un punto de referencia no mundo da cerámica contemporánea. “É un evento do que temos que estar orgullosos, permitiu o paso de xente moi importante neste ámbito”, afirmou Anxos Riveiro.

As prazas dispoñibles para o curso son entre 25 e 30, pero este ano a cifra aumentou, contando con 35 matriculados. Asisten alumnos de toda España e Portugal, e incluso do estranxeiro. É o caso dunha profesora de Miami que se interesou polo mesmo, feito que causou sorpresa e gratificación, xa que revela o gran recoñecemento que posúe o Curso Internacional de Cerámica Contemporánea.

A inauguración será o luns 8, ás 11:00 horas da mañá. Posteriormente, faranse as presentacións dos ceramistas invitados, que amosarán a súa obra a través da proxección de imaxes e establecerán un coloquio cos alumnos. A continuación, darán comezo os obradoiros, onde ao longo da semana se farán coccións das obras en diferentes fornos: de gas, carbonización, reducción, eléctrico, etc. O sábado 13 de agosto, último día, abriranse os fornos e procederase á entrega dos certificados de asistencia.  “Invitamos á poboación pontevedresa a que se achegue a mirar as coccións, xa que son espectaculares, que vexan como se traballa e participen dos cursos”, declarou Xela Area, directora do curso.

A este acoden cada ano grandes figuras da cerámica contemporánea internacional. Os artistas que amosarán o seu talento e compartirán a súa experiencia este ano son tres: Xohan Viqueira, Alberto Hernández e Javier Fanlo.

O galego Xohan Viqueira é licenciado en Belas Artes e graduado en Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, coa especialidade en Cerámica. Posuidor de varios premios de índole nacional e internacional, realizou numerosas exposicións tanto individuais como colectivas, dentro e fóra de España. Durante o curso, realizará unha escultura ou panel cerámico de forma articulada, en colaboración cos alumnos. Para iso, empregará material de reciclaxe, mesturado con elementos orgánicos. Ademais elaborará varias pezas de torno con técnicas que emprega xeralmente e fará un pase de imaxes de cerámica.

Alberto Hernández, procedente de Salamanca, goza de recoñecido prestixio tanto no panorama nacional como internacional. É membro da Academia Internacional de Cerámica. Ao igual que Xohan Viqueira, realizou gran número de exposicións individuais e colectivas e conta con numerosos premios e mencións especiais. Ensinará a facer pranchas para confeccionar un mural. Tamén traerá pranchas xa feitas para facer algunha montaxe coas mesmas. Suxírelle aos alumnos traer algunha peza bizcoitada en barro CH para adiantar as coccións, que se farán en diferentes fornadas.

Javier Fanlo estudou Filosofía e Letras e Historia na Universidade de Zaragoza. Caracterízase pola mestura da cerámica contemporánea coa arqueoloxía. Según el, “o estudo de cerámicas antiguas aportadas pola arqueoloxía poñen en mans do ceramista contemporáneo técnicas perdidas que se poden aplicar na obra actual”. No curso traballará con volumes ou pezas feitas á man, con perforacións na superficie que permiten facer reduccións internas que se manifestan no exterior. Fará unha composición con pezas da Idade de Bronce denominadas “queixeiras”, das que non está claro o seu uso. Coa súa obra pretende facer unha reflexión sobre o útil e o inútil das cousas.

Xela Area quixo manifestar o seu agradecemento a tódolos organismos que colaboran e fan posible o proxecto: o Concello de Pontevedra, o Centro Integrado de Formación Profesional A Xunqueira (colabora cos exteriores), a Asociación Alba (cede un dos fornos), Arxilarte, a Fundación Centro Galego de Artesanía e Deseño, a Xunta de Galicia, a Concellaría de Economía e Industria e a Dirección Xeral de Comercio.