Verán 2011: Itineranta

78

Fogo,
ruído, música, troula, en definitiva, un grande espectáculo é o que ten
reservado Itineranta para os vindeiros 9, 10 e 11 de agosto en todas as rúas e
prazas do casco vello da cidade. É o segundo ano consecutivo que a Concellaría
de Festas, que dirixe Carme da Silva, saca á rúa unha cita similar, que se
converte no prolegómenos da Semana Grande das Festas do Verán 2011. É
Itineranta.

 

Itineranta é o primeiro festival dedicado ós espectáculos
de rúa, da man dos grupos Troula Animación, Teatro de Ningures, Carros de Foc,
Teatrapo, Tutatis e La Baldufa Teatre. Durante os distintos días, todos os
espectáculos coincidirán nas rúas da zona monumental, levando á cidade a espazos
de maxia, fantasía e ensoño.

 

O primeiro día será o martes, 9 de agosto, cando terá
lugar a representación da primeira obra, “Los cómicos dell´auto”, a cargo dunha
das compañías teatrais máis estables do panorama galego, Teatro de Ningures.
Este espectáculo ten como protagonista un vello autobús que, no seu percorrido,
vai facendo paradas en distintas prazas e espazos públicos. Durante estas
paradas, os cómicos baixan do autobús para interactuar cos espectadores.

 

O seguinte espectáculo leva por nome “Invasión Pirata” de
Troula Animación, compañía galega de animación de rúa e infantil fundada no ano
2002. Nesta obra, un grupo de piratas percorrerán unha zona da cidade nunha
mestura de batucada, pirotecnia, lume e confeti, contando coa participación
activa do público.

 

A xornada remata coa compañía Carros de Foc, convertida
nunha das principais do sector teatral a nivel nacional, a cal representará
“Caballo Real y Gelsey”, onde unha escultura dun cabalo móbil xigante tomará ás
rúas da cidade.

 

Os días 10 e
11

 

Ao día seguinte, 10 de agosto, produciranse outros dous
espectáculos. O primeiro é “Bestiario”, que corre a cargo do grupo teatral estremeño
Teatrapo, con milleiros de quilómetros percorridos, máis de mil representacións
e un millón de espectadores que gozaron destas. “Bestiario” representa nun
pasarrúas visual, os catro elementos naturais (terra, auga, lume e aire).

 

A segunda e última representación desta xornada é “La
leyenda de los pueblos olvidados”, da anteriormente mencionada compañía Carros
de Foc. A obra mergullará ao público na época medieval, co enfrontamento entre
un dragón e un rei.

 

O xoves 11 de agosto pecharán o Festival Itineranta tres
espectáculos,: “Los caballos de Menorca”, “Zeppelin” e “Tabarka”. O primeiro
vén da man do grupo Tutatis, posuidor dunha contrastada experiencia nos ámbitos
de espectáculos da rúa, teatro, música e eventos. “Los caballos de Menorca”
ofrece unha visión persoal desta tradicional celebración menorquina.

 

La Baldufa Teatre, compañía creada en 1996 en Lleida,
representará “Zeppelin”. Seguindo a súa máxima de ofrecer espectáculos de alta
calidade artística, “Zeppelin” levará a Pontevedra á era dos pioneiros aéreos
de principios do século XX.

 

O derradeiro espectáculo é “Tabarka”, de Carros de Foc,
protagonizado por unha escultura móbil dun galeón fantasma que navega sobre as
vertixinosas augas do mar Mediterráneo.

 

 

Nota: Toda a información relativa ó festival atópase na páxina web www.itineranta.com.

COMPARTIR