Feira do Mel

86

Antón Louro destacou que non se trata dun evento de novo formato, posto que cumpre a súa vixésimo primeira edición. O mel, engadiu, é un alimento singular e de óptima calidade e que sae do traballo de xente artesán que vive a súa vida arredor das colmeas.
O alcalde accidental engadiu que hai quen comenta que se hai un produto anticrise, ese é o mel, posto que alimenta, cura e mesmo fortalece cos distintos derivados.
A feira conta este ano coa participación de 10 apicultores procedentes de distintos puntos de Galicia.
Gerardo Vidal destacou que o ano pasado venderon uns 600 Kg e o obxectivo deste ano é superar esta marca. Explicou que optouse por situar a feira na praza de Ourense porque, ao aproveitar as casetas da feira da artesanía optimízanse os custos. O emprazamento, aínda que non está no corazón da zona monumental como é habitual, si que está nunha das súas principais entradas.
A principal novidade deste ano está en que non se pesará a unha personaxe coñecida para posteriormente doar o seu peso en mel a entidades benéficas. Pesarase a unha representación dun oso co dobre obxectivo de denunciar os danos que este gran mamífero fai nas colmeas de montaña e, ao tempo, reconciliarse con el. Sabemos que é un animal protexido, dixo Vidal, ao que Antón Louro engadiu que os apicultores tamén merecen estar protexidos.
Na rolda de prensa comentouse o alarmante descenso que se está a producir no censo de apicultores, un oficio tradicional que vese minguado co paso de tempo. Por cada cen apicultores que falecen ou se xubilan, só 20 ou 30 ven continuada a súa actividade polos fillos ou netos. Tamén se deu a voz de alerta sobre a entrada en España, a través do País Vasco dun avispón de orixe francesa que ataca ás abellas.
A feira funcionará en horario de 11 a 14 horas e de 17.30 a 23.00 horas. As degustacións comezarán ás 11.30 horas e ás 18.00 horas.
O programa da feira comeza o sábado 13 coa inauguración ás 11 horas. O martes, 16, ás 19.30 horas, haberá un obradoiro de extracción de mel. O mércores, 17, ás 19.30 horas, celebrarase a pesada do oso. O venres, 19, ás 19.30 horas, obradoiro de extracción de mel. A partires das 20.00 horas, entrega dos premios do concurso da radio. O sábado, 20, ás 19.30 horas, novo obradoiro de extracción de mel. A feira pecha o domingo, 21, ás 23.00 horas.