Arrancan as Festas da Peregrina coa lectura do pregón de Meli Fandiño

62
      A Semana Grande da Peregrina iníciase coa lectura do pregón desde o Pazo de Mugartegui, que este ano correrá a cargo da periodista radiofónica Meli Fandiño. A cita será mañá sábado ás 12 horas da mañá.

      Meli Fandiño leva na memoria histórica dos pontevedreses máis de catro décadas, igual que facendo radio, en Radio Pontevedra, o seu primeiro e único emprego, onde chegou con 16 anos facendo traballos de locución. Sumerxida no mundo da información, sae á rúa e comeza a coñecer as inquedanzas dos pontevedreses en primeira persoa. “Pasei máis tempo na emisora que na miña casa”, afirma. Por iso, viviu de primeira man a evolución da cidade, os acontecementos e cambios que experimentou. Daquela, pode ser considerada a voz dos pontevedreses. O seu pregón promete ser sorprendente e ameno, cun claro toque radiofónico.
    
      Logo da lectura do pregón, a xornada continuará con diversos acontecementos: Ás 12:30 un pasarrúas amenizará a cidade, a cargo das seguintes agrupacións folclóricas: Andaina, Os Alegres de Mourente, Os Trazantes de Tenorio, Fentos e Frouma, Corisco, Duos Pontes e Celme. Seguidamente, ás 12:45 horas, procederase ao traslado da carroza procesional para a ofrenda floral, desde a Praza da Pedreira (onde está o Pazo de Mugartegui) ata o Santuario da Virxe Peregrina. Ás 13 horas volverá iniciarse un pasarrúas da man da charanga Apeles que se reunirá quince minutos despois coas demais agrupacións folclóricas, para animar ao público nas prazas do casco antigo. Ás 14 horas terá lugar a entrega dos premios Amigos de Pontevedra por parte da asociación do mesmo nome. E ás 18 horas da tarde, a charanga Apeles retornará cun pasarrúas.

      Xa pola noite, ás 22:30 horas na Praza de España dará comezo un dos eventos máis agardados do día: a actuación de Rosendo. O intérprete de cancións como “Agradecido” ou “Maneras de vivir” presentará o seu último disco “A veces cuesta llegar al estribillo”, e de seguro repasará boa parte dos seus míticos temas. Este cantante, guitarrista e compositor madrileño, influenzado pola música de Rory Gallagher, Jethro Tull e Deep Purple, entre outros, formou parte dos grupos Ñu e Leño. Con máis de 20 álbumes e catro décadas de profesión ás súas espaldas, é considerado un dos maiores representantes do rock español e probablemente estará “Loco por incordiar” na cidade do Lérez.

      Para continuar coa festa haberá unha verbena en Montero Ríos coas orquestras Latinos e Ciudad de Pontevedra, que comezará ás 24 horas da noite.

      A primeira xornada das Festas da Peregrina finalizará cun broche de ouro. Á medianoite iluminarase o ceo no Peirao das Corvaceiras cun espectáculo de fogos de artificio. A compañía pirotécnica Penide asegura 20 minutos de fantasía visual con arredor de 300 quilos netos de explosivo. O espectáculo pirotécnico estará constituído por fogo fixo e aéreo secuenciados. Este último será moi variado, contando con novidades nas carcasas. E para rematar, unha gran traca final.

COMPARTIR