Tradición e vangarda fusiónanse na noite pontevedresa da man de Mercedes Peón

82

Mercedes
Peón é probablemente a compositora galega con máis proxección
internacional. Cando só contaba con 17 anos, comezou unha
inesgotable tarefa de recuperación da música tradicional,
percorrendo os lugares máis recónditos da xeografía galega. O seu
éxito reside en saber mesturar á perfección a tradición coa
vangarda. Recibiu recoñecementos a nivel nacional e internacional no
ámbito da música folk, coma os seguintes: Premio “Songlines Top
of the World” polo disco “Isué” en 2000, Galega do Ano e
Premio Opinión en 2005, Mellor Artista do Ano polo magazine
“Folkworld” e Premio Nacional de Música en 2008, entre outros.
Mañá ás 22:30 horas estará na Praza de España, nun concerto onde
presentará o seu último traballo, “Sós”, e no que proxectará
todo o embruxo e enerxía que envolven a súa música.

Con
anterioridade a este gran concerto, haberá outras actividades de
interese ao longo da xornada. Ás 19:30 no Teucro, os nenos volverán
a ter unha cita co teatro. Nesta ocasión, Golfiños tráenos “Polo
mar andan as lebres e polo monte as sardiñas”, unha proposta na
que se contan contos e cantigas tradicionais, coa presenza da
mentira, e na que os nenos son os protagonistas.

Posteriormente,
ás 21 horas no Teatro Principal, a compañía pontevedresa Arume,
representará unha comedia de humor acedo en tres actos, “El caso
de la mujer asesinadita” de Miguel Mihura e Álvaro de Laiglesia.
Ambientada nos anos corenta, trata sobre a rutinaria vida dun
matrimonio adiñeirado, Mercedes e Lorenzo. Un bo día, este contrata
a unha secretaria e rematan namorándose. Daquela, Lorenzo decide
asasinar á súa muller. Malia este tráxico argumento, trátase
dunha comedia poética na que o humor disparatado se pon ao servizo
dunha crítica aos convencionalismos sociais dunha época. A
representación terá un carácter benéfico, todo aquel asistente
que o desexe poderá participar nunha recadación de fondos para
Somalia.

Paralelamente
a esta actividade, celebrarase un concerto na Ferraría, o Concerto
man a man, onde actuarán as Bandas de Música de Pontevedra e
Salcedo, ambas de gran recoñecemento dentro do panorama bandístico
galego. Algúns dos temas que conformarán o seu repertorio son:
Carmina
Burana (O Fortuna)” de Carl Orff, “Japanese Tune” de Soichi
Konagaya, “Danzón nº 2” de Arturo Márquez

e “Pirates
of the Caribbean” de Hans Zilmmer.

Outros
actos que se desenvolverán na xornada de mañá son os seguintes: Ás
12 horas do mediodía e como xa é habitual, a charanga Apeles
iniciará un pasarrúas que retornará ás 18 horas. O grupo Os
Alegres de Mourente actuarán ás 13 horas percorrendo as prazas e
rúas da cidade. Ás 24 horas, e como tódalas noites, haberá unha
verbena en Montero Ríos da man da orquestra Atlanta de Vigo.

COMPARTIR