A tradicional Batalla de Flores encherá de cor as rúas máis céntricas da cidad

79
      Un ano máis a cidade do Lérez volverá acoller un dos eventos máis esperados destas festas, que encherá de cor e ledicia as rúas: a tradicional Batalla de Flores, na que participarán nove carrozas, acompañadas de distintos espectáculos de rúa, grupos folclóricos e charangas. Celebrarase mañá xoves 18 de agosto.

      O percorrido será o mesmo que o doutros anos. Así pois, partirá ás 19 horas da rúa Doce de Novembro, continuando por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Cobián Areal, Uxío Novoneira e finalizando en Eduardo Pondal. As carrozas participantes, que presentan na súa maioría unha temática cinematográfica, son as seguintes: “Thailandia”, “La Bella y la Bestia”, “Dirty Dancing”, “Caleones Piratas del Caribe”, “Caballos de Troya”, “El Rey León”, “Toro Asirio”, “Up” e “El Mar”, xunto á carroza do aniversario de Coca Cola.

      Ademais das mencionadas carrozas, os espectáculos de rúa que se desenvolverán á par son: unha comparsa de xigantes e cabezudos, “Cenicienta” (Rivel), “Le Moulin Rouge” (Troula), “Paiasos Futbolistas” (Rivel), “Aladino e a lámpada marabillosa” (Barafunda), “Movemento Azul” (Rivel), “Pocoyó, Bob Esponja” (Rivel), “La Funky Party” (Troula), “Pinocho” (Barafunda) e “Loca Academia de Policía” (Troula).

      Por último, os grupos folclóricos e charangas que amenizarán o desfile serán: Os Alegres, Aturuxo Pequeno, un grupo folclórico de Portugal, a charanga Apeles, Os Trazantes de Tenorio e a agrupación Fentos e Frouma.

      Tras este acontecemento multitudinario, os nenos seguirán gozando dunha tarde-noite dedicada especialmente a eles. Ata a Praza de España chegarán Los Lunnis, para ofrecernos un espectáculo de luz e son que fará as delicias dos máis pequenos. Dará comezo ás 21 horas e, durante 75 minutos, estes populares personaxes televisivos cantarán e bailarán os seus grandes éxitos, que todo cativo coñece.
 
      Unha hora despois continuará a música, pero doutro estilo e noutro emprazamento. O grupo de percusión da Banda de Música de Pontevedra, Perkuka, dará un concerto ás 22 horas na Praza da Ferraría. Este grupo está formado por cinco integrantes: Félix Rodríguez, Pepe Varela, Pablo Cabanelas, Jorge Alberto González e Diego Rosal. Ofrecen un amplo abano de estilos: clásico, jazz, africano, etc. e demostran que calquera obxecto cotián pode converterse nun instrumento de percusión. Daquela, o concerto promete ser interesante e de seguro que non deixará indiferente.

      Outros eventos que se celebrarán neste día son os seguintes: Ás 11:30 horas e posteriormente ás 18 horas, darán comezo os xa tradicionais pasarrúas a cargo da charanga Apeles. O grupo Xoldra actuará ás 13 horas nas prazas e rúas da cidade. E á medianoite, como é habitual, haberá unha verbena en Montero Ríos coa orquestra Alcotan.