Melendi amosará a súa faceta máis rockeira no concerto que dará mañá en Pontevedra

59

Melendi
é un dos cantantes españois máis recoñecidos do panorama actual,
debido á súa particular mestura de estilos musicais: rumba con
influenzas de rock, flamenco e pop. Despois de 9 anos de carreira
musical, máis de 10 discos de platino e 2 discos de ouro polas
vendas dos seus primeiros catro discos, pasou a formar parte da
compañía Warner o pasado ano e editou un novo álbum “Volvamos a
empezar”, que presentará no seu concerto de mañá na Praza de
España. Trátase dun disco máis contundente, no que o artista saca
o seu lado máis rockeiro pero conservando a temática das cancións,
que falan do día a día. A cita co asturiano dará comezo, como
tódalas noites de concertos, ás 22:30.

           
Pero antes de que
Melendi nos deleite coa súa música, poderemos gozar doutros
eventos, entre eles, unha nova sesión de teatro infantil para os
máis pequenos, a primeira edición do Festival de Corais e unha
segunda xornada do ciclo de música tradicional Música de Tabernas.

           
Viravolta Títeres
é unha compañía que ademais de dedicarse á produción e
distribución de espectáculos de monicreques, realizan actividades
como cursos ou exposicións relacionados co mundo da marioneta.
Dentro de Viravolta naceu outra compañía, Seisdedos, especializada
en espectáculos de pequeno formato adaptados a calquera espazo
escénico. Esta última será a encargada de amenizar a tarde dos
máis pequenos este sábado, con “O galo Quirico e os seus amigos”.
Cunha posta en escena con marionetas tradicionais, un teatriño de
cartón e música en directo, presentan este conto baseado na versión
publicada por Bernardino Graña, xunto con números de monicreques
nos que os espectadores participan cantando e bailando. Este
espectáculo celebrarase, como sempre, ás 19:30 horas na Praza do
Teucro.

           
Ás 21 horas
comezará o Festival de Corais na Ferraría, que se desenvolverá
durante dúas xornadas: sábado e domingo. Na xornada de mañá
participarán cinco agrupacións: Polifónica O Chopo (Pontevedra),
Polifónica de Soutomaior, a Coral Alameda do Fogar do Maior de
Pontevedra e a Coral Polifónica o Son dos Cantores de Mos. O
Festival terá unha duración dunha hora aproximadamente e cada coral
cantará catro cancións, rematando todas xuntas co himno galego.

Seguidamente,
ás 21:15 horas na zona monumental celebrarase a segunda xornada do
ciclo Música de Tabernas, que contará coa actuación de outros dous
grupos: Os Abrentes e Lume na Lareira. O grupo de música tradicional
Os Abrentes de Cerdedo, naceu no ano 1994 a partir dunha idea
municipal, transformándose co paso do tempo nunha asociación
cultural. Esta asociación, segundo indican os seus integrantes, “foi
creada para a conservación, o estudo e a difusión da música
tradicional como parte fundamental da cultura e tradición do pobo
galego, centrando o seu estudo na comarca Deza-Tabeirós Terra de
Montes. A seguinte formación de música tradicional, Lume na
Lareira, creouse no ano 2001, vén da Estrada e está composta por 7
membros. Ao igual que na xornada anterior, ambos desfilarán por
tódalas rúas do casco antigo cantando, bailando e interactuando coa
xente, para rematar xuntándose na Praza da Peregrina.

A
programación do sábado completarana un pasarrúas da charanga
Apeles ás 12 horas e outro ás 18 horas, un pasarrúas do grupo
Chouteira ás 13 horas e a tradicional verbena en Montero Ríos á
medianoite, que esta noite contará coas actuacións das orquestras
Quinta Avenida e Calibre.

COMPARTIR