Presentación Feira Franca 2011

62

Chegou
a Feira Franca”. Con esta frase iniciaba Carme da Silva a súa
presentación da programación da tradicional festa que chega este
ano á súa décimo segunda edición e coa que finaliza a
programación festiva e de ocio do verán pontevedrés. Comezará o
venres 2 de setembro a partires das 19 horas e prolongarase ata o
sábado 3, o día grande da festa.

Neste
momento, en torno a 100 persoas están xa a traballar na montaxe da
decoración e as instalacións necesarias. A concelleira quixo
agradecer tanto este traballo previo coma o desempeñado durante os
dous días de celebración da Feira Franca, por parte dos distintos
colectivos, asociacións culturais, veciñais e recreativas que nos
ofrecen unha variada oferta de actividades.

Este
ano a temática da festa son os mercadores, e aparece como novidade o
campamento medieval, que estará situado na praza do Concello e onde
se recreará a vida e a actividade dun campamento da época do
medievo. Contará con diversos xogos e obradoiros e terá un horario
de 12 a 14 horas e de 17 a 21 horas.

A
xornada comezará ás 19 horas da tarde do venres, cando uns
pregoeiros a cabalo anunciarán por todo o centro histórico o inicio
da Feira Franca. A partires dese momento, darán comezo distintas
actividades. Cabe salientar o espectáculo “Carros do Ar”, das
compañías Troula e Kull D´Sac, que se realizará na praza da
Ferraría ás 22 horas. Ao día seguinte, destaca a Recreación do
transporte do viño, a cargo da Asociación Recreativa de Xeve e de
Art Monium Animación, que contará con animación, música,
representacións, etc. Iniciarase ás 12 horas e o percorrido será o
seguinte: rúas de Santa Clara, Sarmiento, Pasantaría, praza da
Ferraría, rematando na praza da Peregrina. Outra actividade
interesante da xornada do sábado é o Torneo medieval, que se realizará ás
17:30 horas e posteriormente ás 20 horas na Praza de Touros.

Con
respecto aos postos que se van a colocar, aceptáronse as solicitudes
que cumprían cos requisitos de calidade e non supoñían problemas
de seguridade. Cabe salientar que se produciu un importante
incremento no número das solicitudes en comparación coas do pasado
ano. Son:

      
Mercado
de alimentación: 29 solicitudes.

      
Artesanía:
24 solicitudes.

      
Hostelería:
100 solicitudes, das cales se aceptaron todas agás as que non
correspondían ao ámbito da Feira Franca, e outra por razóns de
seguridade, por atoparse nunha rúa de evacuación.

      
Xantares
e ceas: 257 solicitudes.

O
espazo onde se celebrará a Feira Franca corresponderase, coma
tódolos anos, co centro histórico. Cada ano esta festa sorprende
con máis solicitudes e participación pero ante a cuestión de
ampliar o espazo no que se desenvolve, Carme da Silva afirma que para
que se manteña a calidade e a seguridade do evento, non se pode
seguir ampliando o espazo indefinidamente. Xa se incluiron as zonas
da Alameda e as Palmeiras, pero este ten que estar vinculado á
estrutura medieval da cidade, por iso se fai na zona monumental.

Por
mor da crise económica, este ano a Concellaría de Festas viuse
obrigada a reducir en 17.000 euros o orzamento con respecto a 2010,
dispoñendo dun orzamento final de 150.000 euros. Esta reducción foi
posible grazas ao esforzo tanto de reaxuste como de restauración da
decoración de anos anteriores, que se aproveita, o que supón un
gran aforro económico sen mermar a calidade da festa. A concelleira
destacou que non sería posible facer unha celebración destas
características cun orzamento tan baixo se non fose polas
contribucións voluntarias dos distintos colectivos e asociacións, e agradeceu unha vez máis a súa labor.

De
tódolos xeitos, esta celebración supón un importante motor
económico da cidade xa que move moitos sectores: hostelería,
comercio, perruquería, carpintería, fontanería, etc. Polo tanto,
constitúe unha das actividades máis importantes do ano pola
cantidade de sectores económicos que mobiliza. Ademais, cada ano é
maior a cantidade de xente que participa activamente na Feira Franca,
vestíndose de época para a ocasión. “Sempre é sorprendente,
cando parece que non pode vir máis xente, vén máis, como nas
Festas da Peregrina”, afirmou Carme da Silva. O número de
solicitudes que se xeraron xa auguran unha gran afluencia de
participantes. 

A
vindeira semana presentarase o dispositivo de seguridade detallado
que se adoptará durante os dous días de festa, unha vez que sexa
revisado, xa que se introduciron algunhas novidades respecto a anos
anteriores.

www.feirafranca.info