Os nenos e nenas saharauis despídense da cidade do Lérez

71
        Os nenos e nenas saharauis que pasaron estes dous últimos meses en Pontevedra no marco do programa “Vacacións en Paz” despídense ata o verán que vén. Logo de dous meses nos que puideron gozar da praia, da comida autóctona e de temperaturas agradables, tócalles dicir adeus e regresar á súa terra.

        O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, recibiron aos pequenos o pasado venres na Casa Consistorial. Na xuntanza atopábanse tamén varios pais e nais de acollida, e representantes de distintas organizacións colaboradoras no programa como Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e Amigos do Sahara, así como un representante da Delegación saharaui en Galicia. Lores declarou que o Concello está encantado de colaborar nesta iniciativa, xa que é unha actividade moi enriquecedora, tanto para os nenos que veñen como para as familias que os acollen, todos aprenden uns dos outros. Ademais quérese aproveitar a estadía destes nenos aquí para reivindicar a causa do pobo saharaui, posto que “é moi inxusto estar máis de 30 anos vivindo en campos de refuxiados”, sinalou Lores.

        Ante a cuestión de que é o que máis van estrañar cando volvan á súa terra, os pequenos coinciden en que, aparte da familia, o que máis lles gusta é a praia ou a comida, por exemplo o kiwi, xa que donde habitan non o hai. Os nenos que veñen teñen entre 7 e 12 anos e os pais de acollida afirmaron que se integran perfectamente, algúns incluso aprenderon a falar galego. A maioría deles xa estiveron en Galicia máis veces e desexan repetir.

        Maite Isla, presidenta da asociación galega de Amigos do Sahara, quixo “darlle as grazas ao Concello en nome da asociación por colaborar no programa Vacacións en Paz e polo esforzo para seguir reivindicando a autodeterminación deste pobo”. Tamén amosou o seu agradecemento ás familias por seguir acollendo nenos un ano máis. Pero non só son os nenos os que visitan a nosa cidade, moitos dos que participan neste programa viaxan ata o Sahara para prestar axuda alí. Por exemplo, Yolanda Valcárcel, a coordinadora de acollidas en Pontevedra, irá este ano por primeira vez.

        Tras esta xuntanza na Casa do Concello, todos se trasladaron á Praza de España para gozar do acto programado, que consistiu na instalación dunha “jaima”, vivenda típica do Sahara Occidental, onde se levaron a cabo distintas actividades como a cerimonia do té, pintar as mans con henna e a realización de diveros xogos tradicionais galegos, como carreiras de sacos ou carreiras con ovos e culleres. A xornada finalizou coa charla de Ramón Boán, sobre a situación do Sahara Occidental na actualidade e as perspectivas de futuro para resolver o conflito con Marrocos. Alí ademais os rapaces recibiron os seguintes agasallos: material escolar, mochilas e uns tarros de mel que un funcionario do Concello produce e envasa, destinados especifica e gratuitamente a eles.

        Este xoves día 1 de setembro, os pequenos regresarán a África con moita pena por ter que marchar, pero coa ilusión de volver a ver ás súas familias e a esperanza de retornar o verán próximo.