Visita A Parda: inicio curso escolar

82

O alcalde Miguel Anxo Fernández
Lores e a concelleira de Benestar Social Municipal, Carme Fouces visitaron esta
mañá a Escola Infantil da Parda con motivo do inicio do curso escolar nas
escolas da Parda e do Campus Universitario. Comprobaron o bo estado das
instalacións, e das obras recentemente realizadas como a instalación do aire
acondicionado no edificio.

 

Durante
a súa visita, o alcalde instou á Consellería de Benestar Social a que abra a
Escola Infantil de Monte Porreiro, que leva pechada varios meses e está
totalmente rematada e equipada. Esta petición cobra especial sentido tendo en
conta que existen na actualidade 200 nenos do concello de Pontevedra en lista
de agarda para poder entrar nunha das prazas das escolas infantís municipais (A
Parda e Campus), e 50 nenos de fóra do municipio que teñen algún vínculo coa
cidade (os pais traballan en Pontevedra) que tamén solicitaron praza.

 

A
concelleira de Benestar, Carme Fouces é consciente de que a apertura da escola
de Monte Porreiro non palía toda a problemática, pero é moi importante que se
abra ao público sen máis demora.

 

Precisamente,
a concelleira Carme Fouces remitiu esta mañá unha carta á conselleira Beatriz
Mato na que solicita esta apertura, tendo en conta a lista de agarda nas outras
dúas escolas municipais e que a escola de Monte Porreiro está totalmente
equipada.

 

 

            Estimada
Conselleira, 

            Cómpreme
mostrarlle a nosa preocupación por non ter noticias do seu departamento a
respeito da posta en marcha da Escola Infantil de Monte Porreiro. 

            Como
vostede ben sabe, o convenio xa está asinado pola nosa parte, e estamos á
espera de recibir o documento definitivo e o persoal dependente da súa
Consellaría, para iniciar canto antes a actividade. 

            As
instalacións das que dispoñemos son de sobra coñecidas e están en perfecta
disposición para acoller aos nenos e nenas que temos na lista de agarda da
escola infantil da Parda e do Campus Universitario. 

            Desde
o Concello fomos máis aló do compromiso que se estabelce co Consorcio e dotamos
do mobiliario necesario en todas as aulas, para que a posta en funcionamento da
escola poida ser inmediata. 

            Quedando
á espera de noticias e agardando que a apertura desta escola infantil sexa
inminente, reciba un cordial saúdo. 

 

            Afectuosamente,   

            Carme
Fouces Díaz

            Concelleira
de Benestar Social Municipal

COMPARTIR