Inxección de 5,1 millóns de euros do Concello na economía local

62

O Concello de Pontevedra aprobará no vindeiro pleno novas medidas orzamentarias incluídas dentro do documento xenérico aprobado o pasado mes de xullo na que se acordaba, entre outras cousas dinamizar a economía local e formular  un plan de investimentos. Seguindo esta liña de traballo, o concelleiro Raimundo González presentou esta semana unha modificación de crédito de 5,1 millóns de euros procedentes dos fondos propios municipais.

Raimundo González lembrou que nesta actual situación de crise “estamos a xogarnos o futuro de Pontevedra, onde o problema fundamental é o paro”. Por iso garantiu que “empregaremos o último resquicio posible para dinamizar a economía, e dende o Concello non agocharemos esforzos para que así sexa”.

Dentro desta operación de crédito toda destinada ao investimento atópasen 1,4 millóns para as expropiacións do novo edificio dos xulgados; 40.000 para o soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro; 331.000 para o abastecemento de auga potable; case 50.000 para mobiliario do centro histórico; 75.000 euros para iluminación do centro urbano; e 262.000 para iluminación no rural; 224.000 para a rede de sumidoiros no rural; 142.000 euros para parques e xardíns; 500.000 euros para rolda urbana; 150.000 euros para parques infantís nas parroquias; 300.000 euros para mellora da accesibilidade no rural; 200.000 euros para mellora da accesibilidade na zona urbana; 232.000 para a construción do novo local social da Parda ou 800.000 euros para a rehabilitación de distintas rúas, entre outros proxectos de menor contía.

Ao tempo o concelleiro de Economía e Facenda explicou que é bontade do Goberno local facer un reaxuste das taxas e impostos municipais que están conxelados dende o ano 2007 nuns casos, e noutros dende 2008. Explicou Raimundo González que o incremento do IPC cuantificado dende o ano 2007 é dun 11.5% e dende o ano 2008 é dun 9,1%. O IPC do último ano está cifrado nun 3.1%.

Durante estes últimos catro anos as empresas concesionarias que traballan para o Concello de Pontevedra foron cobrando as contías fixadas nos seus respectivos contratos pero sempre o incremento do IPC fixado por lei e nos seus contratos. Estes incrementos fixéronse á conta das arcas municipais sen que o Concello subira aos contribuíntes a parte proporcional nos seus recibos. Raimundo González informou que neste período Cespa, a empresa concesionaria do lixo, tivo unha suba de 450.000 euros e a empresa Aquagest, concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento municipal, máis de 500.000 euros.

Ademais, o Goberno local seguindo co seu acordo de non rebaixar as atencións sociais, incrementa a partida de asistencia a domicilio de 700.000 euros a 1,1 millón de euros.

Raimundo González manifestou que o incremento dos gastos é evidente, polo que o Goberno local vese na obriga de facer un reaxuste nas súas ordenanzas fiscais cobrando 1/3 do IPC que correspondería dende o ano 2007. Por iso, as ordenanzas fiscais para 2012 subirán un 3% (por debaixo do IPC actual -3.1%- e do 11,5% que lle correspondería dende o ano 2007).

Pero esta suba non afecta a todos os impostos. Co propósido de favorecer a economía local e coa intención de rexenerar o emprego, o Goberno local non tocará as taxas e impostos relativas a este ámbito: apertura de establecementos, imposto de construcción e IAE.

O Goberno local recoñece que esta suba cubrirá só parte dos gastos xenerados, cando menos, nos tes conceptos anteriormente citados, pero contribuirá a ir axustando os gastos e ingresos das arcas municipais, vitais para o futuro económico da cidade nos vindeiros anos.

COMPARTIR