A supresión de cinco directores xerais supoñen un aforro de máis de 300.000 euros ao ano

99

A Xunta de Goberno Local acordou esta mañá o cese de tres directores xerais do Concello, que se suman a dous ceses anteriores realizados na primavera e no verán pasados. A medida está inscrita dentro das Directrices de racionalización, contención do gasto e dinamización do Concello de Pontevedra aprobadas polo pleno municipal o pasado mes de xullo.

Unha das medidas deste acordo era a reorganización do persoal do Concello, para que sen diminución da calidade dos servizos, se organicen de tal forma que se amorticen ou supriman postos e prazas que sexan susceptibles de amortización. Así mesmo, suprimirase de forma importante a figura dos directores xerais.

O voceiro do Goberno Local, Raimundo González informou esta mañá que o cese de dous dos directores xerais serán a data 15 de novembro, e o terceiro será a data 15 de febreiro.

Ate o de agora o Concello de Pontevedra tiña seis directores xerais, figura que agora queda reducida a un único director xeral de Servizos Centrais. Os cinco postos extinguidos supoñen un aforro de 306.000 euros ao ano ás arcas públicas, e 1.240.000 euros no que resta de mandato.

COMPARTIR