Comeza a reparación dunha beirarrúa en Filgueira Valverde

97

O concelleiro de Mobilidade, Luís Bará mantén esta tarde unha reunión con veciños da rúa Filgueira Valverde, situada entre Joaquín Costa e Eduardo Pondal, para explicarlles diversos traballos de reparación que o Concello fará na rúa durante as próximas semanas.

Os traballos, que comezarán esta mesma semana, consistirán na mellora da accesibilidade e da seguridade no tramo da rúa situado a carón das vivendas, dado que a beirarrúa atópase en bastante mal estado, con lousas rotas e desprendidas, e varios desniveis de terreo.

Aproveitando a reparación que obrigará a demoler gran parte da citada beirarrúa, ampliarase para quedar cunhas medidas aproximadas a 2,60 centímetros. O estacionamento está situado unicamente do lado dos edificios, onde tamén se instalarán sumidoiros para a recollida de augas pluviais.

Cabe lembrar que a beirarrúa Filgueira Valverde é a única que queda por tratar no ámbito de Joaquín Costa, integramente remodelada hai uns meses. Sen necesidade de facer unha gran actuación, a rúa cambiará de aspecto de forma susbstancial coa reparación e ampliación desta beirarrúa, a única que permanece en estado máis precario, xa que a beirarrúa de enfrente foi renovada totalmente coa urbanización da Unidade de actuación urbanística número 18.

Ademais, o concelleiro Luís Bará mantivo encontros cos veciños e recibiu peticións dos presidentes das comunidades dos edificios de Filgueira Valverde que reclamaban melloras e adaptala aos estándares de calidade dos que xa disfrutan o resto do barrio.