A ponte das Correntes, a un paso da montaxe

83

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a xustificación do gasto da ponte das Correntes. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera informou que o Concello de Pontevedra asinou en maio de 2008 un convenio de colaboración coa Consellería de Política Territorial para a construción da Ponte das Correntes. Neste convenio fixábase a achega de 3 millóns de euros por parte de cada unha das administracións.

Esta mañá a Xunta de Goberno Local aprobou a solicitude de transferencia por parte da Xunta de Galicia de 2.190.000 euros, cumprindo deste xeito a totalidade do convenio. A Xunta fixo achegas anteriores ata cumprir os 3 millóns de euros. A día de hoxe, o Concello ten aprobado o pago de 6.078.431,91 euros correspondentes ás 25 primeiras certificacións de obra.

Esta solicitude de transferencia demostra que a ponte está construída no seu 85% e queda pendente "montar, asfaltar, formigonar e pintar", segundo explicou o concelleiro, quen asegurou que o máis importante da obra está feito: os pasos de formigón e o soldado de todas as pezas que só hai que pintalas e colocalas, pero estes traballos dependen da meteoroloxía.