O Concello contrata unha auditoría eléctrica para racionalizar o consumo sen diminuir a calidade do servizo

57

O concelleiro de Facenda, Raimundo González presentou esta semana a próxima contratación dunha auditoría eléctrica que fará o Concello de Pontevedra para actualizar o inventario eléctrico do concello que permitirá estudar liña a liña, e luminaria a luminaria. O obxectivo é ter unha visión global de como funciona o alumbrado público, fixar un plan director que determine as materias onde actuar co fin de reducir os custes desta factura eléctrica. O gasto anual aproxímase ao 1,4 ou 1,5 millóns de euros.

O portavoz do Goberno asegurou que a auditoría é algo que necesariamente hai que facer "se queremos racionalizar o gasto, racionalizar o consumo sen diminuir a calidade do servizo".

A auditoría referenciará cada unha das liñas e determinará cales e como son cada unha delas. Con toda esta información, faranse propostas de actuación ben para instalación de reductores ou estabilizadores de fluxo, zonas onde eliminar lámpadas de mercurio e substituílas por sodio, ou outras actuacións.

Tamén se solicitará á auditoria que valore a inversión necesaria para facer estes cambios, "e se é superior que o aforro que imos ter, pois haberá que fixar as prioridades de actuacións".

O Concello de Pontevedra solicitará unha subvención á Xunta de Galicia para elaborar esta auditoría, aínda que a achega será pequena. O máximo pode ser 18.000 euros, e o Concello baralla a contratación dunha auditoría duns 45.000 euros.