Benestar Social Municipal e Meniños celebran o Día Internacional dos Dereitos da Infancia

72

A Concellaría de Benestar Social Municipal e a Fundación Meniños presentaron esta mañá o programa de actividades que celebrarán neste último tramo do ano, coincidindo co Día internacional dos dereitos da infancia, que se celebra este domingo, 20 de novembro.

A concelleira Carmen Fouces reiterou o compromiso do Concello de Pontevedra coa infancia e co apoio ás novas xeneracións "que serán os que nos saquen deste burato no que os dirixentes nos están a meter". Tamén confirmou o compromiso do Concello de Pontevedra coa área de Benestar Social Municipal "a pesar dos recortes brutais da Xunta de Galicia que lle está a botar a culpa ao Estado”. Pero a partir do luns, “a ver a quen lle van botar a culpa?" preguntábase Carmen Fouces.

A Xunta reduciu ao Concello de Pontevedra 440.000 euros dende o pasado mes de xaneiro, e estes recortes tamén están a afectar ao eido da infancia. Referiuse, concretamente, á supresión da subvención prevista para o desenvolvemento do pobo xitano, que estaba destinada á integración escolar dos nenos e nenas.

Carme Fouces destacou que a área de Benestar Social Municipal é unha das áreas mellor tratadas nos orzamentos municipais do vindeiro ano. De feito vai a incrementar a dotación orzamentaria para 2012.

Sobre a Fundación Meniños, a concelleira Carmen Fouces destacou o traballo que están a facer no eido do apoio familiar con resultados "magníficos dado que está sendo atendido por un grupo de xente experimentada e cunha metodoloxía contrastada".

É a Fundación Meniños a que porá en marcha o programa de actividades con motivo do Día internacional dos dereitos da infancia centrándose nos dereitos dos nenos a vivir en familia, xa que a pesar da creencia xeneralizada, trátase dun dereito que desgraciadamente está aínda en proceso de consecución.

As actividades previstas son un ciclo de cine infantil e o concurso “Plantando un arco da vella”.

O ciclo de cine será na Biblioteca Pública Antonio Odriozola na semana que vén, de 21 ao 25 de novembro, ás 18.00 horas. As películas que se proxectarán son:

• 21 de novembro: “Cars 2”
• 22 de novembro: “El pequeño rey Macius”
• 23 de novembro: “Enredados (Rapuntzel)”
• 24 de novembro: “Rango”
• 25 de novembro: “Gru. Mi villano favorito”.

O concurso “Plantando un arco da vella” pensado para os nenos que cursan infantil e primaria nos colexios de Pontevedra para facer unha reflexión sobre os dereitos da infancia na aula, especificamente do dereito dos nenos a vivir nunha familia que lle aporte unhas óptimas condicións de seguridade e afecto.

Para os máis pequenos pediráselles facer un debuxo da súa familia que fomente o respecto ás diferentes familias, a contribución dos nenos para crear unha familia mellor ou fixarse nos aspectos positivos.

Para os máis grandes, escolares de 2º e 3º ciclo, prográmase un concurso de relatos relacionado cos dereitos da infancia.

Entre os participantes serán seleccionados tres premios por categoría. Os premiados recibirán un lote de contos da editorial Kalandraka.