Arranca o Culturgal no Pazo da Cultura

74

. A Feira das Industrias Creativas abriu hoxe as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra coa presenza de representantes de todas as asociacións sectoriais que integran o Culturgal e máis dos representantes políticos que apoian a feira. Xulio Amigo, presidente do Culturgal, foi o encargado de dar o pistoletazo de saída, destacando a calidade e a variedade de propostas que o público que asista á feira poderá gozar ao longo da fin de semana.

“Nunha época complicada, cos problemas que todos e todas coñecemos e compartimos, conseguimos artellar entre todos unha feira con máis de 130 actividades de todas as disciplinas e para todos os públicos. Nos próximos tres días, 75 entidades expositoras amosaránlle ao público as súas propostas e os preto de 300 profesionais acreditados compartirán experiencias e proxectos”, afirmou Xulio Amigo. “O Culturgal 2011 é froito do esforzo compartido de todo o sector cultural”, engadiu, “un esforzo que permitiu avanzar en varios aspectos cruciais para o futuro do proxecto”. Entre os avances desta cuarta edición, “a máis completa e variada da historia do Culturgal”, Xulio Amigo destacou o esforzo realizado na adaptación do deseño do espazo ferial ás necesidades dos distintos sectoras, na innovación dos formatos de presentación de propostas, buscando os máis dinámicos e atractivos para o público, e na representación sectorial, acadando a presenza da maioría das asociacións profesionais galegas.

Pola súa banda, Juan Carlos Fernández Fasero, director de AGADIC, confirmou o firme respaldo da axencia ao Cultural, pois considera que o apoio ás novas canles de encontro entre empresas e cidadanía é fundamental para o futuro da industria. “O sector cultural sustenta postos de traballo, fai país e ten moito talento, polo que confiamos nel como xerador de emprego”, asegurou Fasero. Tamén salientou a importancia de que os creadores sexan valentes nas súas propostas, “algo que salta á vista no propio Culturgal”.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, afirmou que a cantidade de propostas en galego que se atopan no Culturgal demostran a forza da lingua. Por último o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou a súa alegría porque a cidade se consolide como sede do Culturgal e porque este ano tamén se fagan actividades no casco vello. “O que veñen facer aquí é aumentar o músculo empresarial da cultura galega dun sector económico que ten que confiar na sabia propia”, engadiu.

As autoridades percorreron os distintos espazos da feria nos que se foron atopando cos representantes das asociacións culturais, incluso tiveron a oportunidade de experimentar no stand da TVG locutando un informativo. Finalmente, gozaron co showcase do recén constituído grupo folk Vai, que cun escelente son deron mostra da boa saúde da música tradicional do país.


Movemento desde primeira hora

Aínda que a inauguración oficial foi ás 12h, Culturgal empezou a súa actividade cedo, cara ás 10h, coa conferencia de Ferdinand Richard que abriou o foro profesional e a presentación de exitosos proxectos no TEDx Galicia como Hay Festival, que conxuga a perfección a cultura e o territorio. Case ao mesmo tempo, no cuarto dos nenos, un grupo de nenos e nenas concluiron o mural colectivo que viñeron realizando ao longo da última semana catro centros da comarca e que se poderá ver ao longo de toda a fin de semana na propia Feria. O público escolar tamén participaron nunha representación teatral de Caramuxo Teatro e nun obradoiro de regueifa.

Ao longo da tarde, continuará a completa programación da Feira, con propostas de artes escénicas, música, literatura e programación familiar.

PROGRAMACIÓN VENRES TARDE

16h30 Presentación GATEA. Compañías e educadores que traballan para público infantil e xuvenil. No Salón
16h30 Xan Eguía: A lenda de Cuaima e Mohan (a partir de 12 anos). Cuarto dos nenos
16h30 Cía Bichakadela: Soños. Teatro contemporáneo. No Patio
17h00 2020 European Art Tour. Proxecto de divulgación artística. No Salón
17h30 Presentación da Escola Permanente UNIMA Galicia. No Salón
17h30 M. Carballo Trío: You knew it. Paseo polos territories sureños do blues e do rock. No Patio
18h00 Ignacio Vilar: Vilamor. Un filme cen por cento galego. No Garaxe
18h00 Mortos de Ningures, de Pereledi e Andrés Meixide. Rol en vivo (a partir de 8 anos). Cuarto dos nenos
18h00 Ancora Producións: Snakizados. A comedia do fin do mundo. No Salón
18h30 Pentalfa. Música espontánea. No Patio
19h00 VTelevisión. Presentación da programación da canle. No Garaxe
19h00 Conversa de Ana Romaní co Colectivo Polaqia: Brais Rodríguez e Sergio Covelo
19h30 A caza do ghazafello. Un libro musical. Cuarto dos nenos
20h00 Das Kapital. Poesía e vangarda, expresión máxima dos adentros. No Patio
21h00 Federico Cocho: Guerra civil. O que pasou en Galicia e en España. No Salón

PROGRAMACIÓN VENRES NOITE

21h00- 01h30 MAPEA Culturgal. Nos lugares singulares de Pontevedra
21h00 Cuarteto Caramuxo: Tiriru. Reinterpretando a música tradicional Galega. Na Praza da Verdura.
21h30 Malvela: Raianas. Música tradicional fresca e apaixonada. No Edificio Sexto do Museo de Pontevedra.
22h00 Gonzalo Vázquez. Moda, arte en movemento. No CITA (prazas limitadas)
22h30 Mercedes Peón. A muller máis carismática da música tradicional galega. No Teatro Principal
23h00 Cuarteto Caramuxo. Reinterpretando a música tradicional galega. Nos arredores do Teatro Principal.
23h15 Mago Teto. Maxia de cerca. Na Casa da Luz (prazas limitadas)
23h30 Poetas da Hostia. Vendo a miña alma, poxa de poeta. No Pequeño Karma.
00h00 Projecto Trepja. Folk sen complexos. No CITA (prazas limitadas)
00h30 Niño y Pistola as Arthur & The Writers. Pop británico con toques americanos. Na Sala Karma

Consultade aquí o programa completo do sábado, co obradoiro de cociña infantil, a actuación de Combo Dinamo, as presentacións de Crebinsky e Berrogüetto, que contarán coa presenza das dúas bandas, as conversas de salón con Manuel Rivas, José Luis Cuerda e Domingo Villar e moitas cousas máis.


Máis información sobre Culturgal
A Feira das Industrias Culturais está organizada pola Asociación Culturgal, unha entidade da que forman parte as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). Culturgal 2011 conta co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), do Concello de Pontevedra, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Ministerio de Cultura do Goberno de España.