Paseo reivindicativo polas rúas de Pontevedra con motivo do Día Internacional dos Dereitos dos Animais

23

Unha ducia de membros da Asociación de Adopción e Acollida de Cans Os Palleiros e a Asociación Coordinadora de Protectoras de Pontevedra (Acopo) celebra este sábado 10 de decembro un paseo reivindicativo polas rúas de Pontevedra, para celebrar o Día Internacional dos Dereitos dos Animais (conmemórase todos os anos cada 10 de decembro).

Esta iniciativa, na que participarán 12 cans e cadelas que foron adoptados nas instalacións dos Palleiros, pretende ser unha chamada de atención sobre o abandono de mascotas e a necesidade de recorrer á esterilización e o uso do chip para evitalo.

Na marcha participará como socio de honra o premiado triatleta galego Iván Raña, que accedeu como comprometido amante dos animais, o Medio Ambiente e o respecto á Natureza. Inaugurará o percorrido na praza de España de Pontevedra ás 11.00 horas para continuar por Riestra, Oliva, Peregrina, Porta de Trabancas, Paseo Odriozola, Sarmiento, Gregorio Hernández, Praza Mugartegui, César Boente, Senra, Rúa Real, Curros Enríquez, Don Gonzalo e Sarmiento, concluíndo na praza da Verdura onde se celebrará unha degustación de petiscos no Furancho de Bora a prezos populares (sen ánimo benéfico nin de lucro) amenizado, de forma gratuíta, por un grupo musical en directo.