Presentación de ‘Verbas no ar’, de Iria Morgade Valcarcel, no Pazo de Mugartegui

20

Presentación de "Verbas no ar", VII Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela para menores de 25 anos

Autora: Iria Morgade Valcárcel (licenciada en Ciencias Políticas e escritora)

Interveñen: Xabier P. Docampo (escritor e titor do VII Premio Biblos-Pazos de Galicia), Tucho Calvo (escritor e editor de Biblos) e Iria Morgade Valcárcel

Día: xoves, 22 de decembro de 2011

Hora: 20:00

Lugar: Salón de Actos do Pazo de Mugartegui (praza da Pedreira, 10)

O Ateneo de Pontevedra presenta a novela gañadora do VII Premio Biblos-Pazos de Galicia Verbas no ar, de Iria Morgade Valcárcel. No acto de presentación, que terá lugar o vindeiro xoves 22 de decembro, ás 20 horas, no Salón de Actos do Pazo de Mugartegui, acompañan á autora, Xabier P. Docampo (escritor e titor do VII Premio Biblos-Pazos de Galicia) e Tucho Calvo (escritor e editor de Biblos). A organización do acto de presentación conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e de Biblos Clube de Lectores.

Sobre Verbas no ar
Verbas no ar resultou gañadora por unanimidade ao considerala o xurado unha obra «actual e oportuna que procura relacionar as revoltas nos países do norte de África coa actitude de descontento e protesta da xuventude protagonista dos movementos que estamos a contemplar no noso entorno».

Para o xurado, integrado por Xabier P. Docampo, Elena Veiga e Tucho Calvo, «a obra está escrita cunha vocación de estilo que acode a unha linguaxe directa, construída cunha disposición do texto baseada nas frases curtas e nos parágrafos de pouca extensión, que procuran máis a suxestión ca descrición. Seguindo un estilo case propio do panfleto, por agresivo, mesmo incendiario, Iria Morgade sabe o que fai disparando verbas ao ar».

Segundo o fallo, Verbas no ar «amosa o texto que as florituras non son necesarias para que nos desgarre, abríndonos os ollos ante un mundo en conflito a golpe de linguaxe tweet. E a autora sabe tamén que son tempos de combate, de manifestarse contra a inxustiza.


Biografía da autora
Iria Morgade Valcárcel naceu en 1988 en Pontevedra. Cursou os estudos primarios no Colexio CEIP Cabanas, e os secundarios no Instituto Torrente Ballester de Pontevedra. Durante esta etapa  gañou o  1º premio Ben Veñas Maio de relato curto no ano 2004 e o 3º premio do concurso Entre nós en galego de relato curto no ano 2005.
Realizou o primeiro ciclo da Licenciatura de Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela entre os anos 2006-2009 e o segundo ciclo na Universidade Complutense de Madrid, coa súa finalización en xullo de 2011.
Gañou o VII Premio Biblos-Pazos de Galicia con Verbas no ar no ano 2011, e tivo como titor para rematar a novela a Xabier P. DoCampo.