Mostra colectiva ‘emBOTELLArte’ na Casa do Turista

22

Lugar: Casa do Turista (praza da Verdura).

Acto inaugural: xoves, 15 de decembro, ás 19 horas.

A botella de Coca-Cola reinventada por artistas, colectivos e mesmo empresas relacionadas coa artesanía galega é o obxecto dunha exposición que poderá verse na Casa do Turista entre o próximo xoves, día 15, e o 5 de xaneiro. A icona mundial das bebidas gaseadas vístese de encaixe de camariñas, de cerámicas como Sargadelos e confunde as súas curvas coa gaita e o carro de bois.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, presentou este luns a mostra "emBOTELLArte", acompañada de José Picado, director comercial da embotelladora para Galicia, Begano, e da xefa de Relacións Exteriores da firma galega, María Sande. De feito, a exposición conmemora os 50 anos do comezo da actividade na planta de A Coruña. Ata entón, a bebida refrescante chegaba á nosa comunidade por barco dende Bílbao ou por estrada dende Madrid.


A idea de reinterpretar a singular botella non ten precedentes no mundo. A exposición, composta por 25 pezas, mereceu os eloxios de Carlota Román, quen remitiu o resultado final ás reminiscencias do pop-art e á figura de Andy Warholl, artista emblemático que soubo elevar á categoría de obxecto artístico os elementos máis cotiáns, como as latas de sopa ou a mesma botella da bebida de cola.

A día de hoxe a colección conta coas versións, entre outras, de Pedro Bueno, Ramón Conde, Alessandra Barbosa, Gandullo, Sara Coleman, Ramón Astray, Miguel Couto, Seivane, Xulio Rey… e colectivos de orfebrería, cerámica e palilleiras. Xa se está a traballar en novas pezas en contacto con sectores de artesáns do coiro, vidro, cerámica, pesca… Todas as versións son absolutamente libres e non parten de ningunha condición estética previa.

Carlota Román destacou que a exposición está pensada para todos os pontevedreses, pero tamén será un elemento sorpresa para os visitantes que se acheguen á Casa do Turista durante esta campaña de Nadal. A primeira idea foi situala no primeiro andar da Praza de Abastos. Pretendíase así, explicou a concelleira, dar o pistoletazo de saída para a reconversión e posta en valor deste espazo do Mercado municipal. Sen embargo, problemas loxísticos para instalar a montaxe, obrigaron a trasladala á Casa do Turista e á praza da Verdura.

A inauguración está convocada para o próximo xoves, ás 19 horas, nun acto público ao que foron invitados representantes da vida social e cultural da cidade. Pontevedra pecha a xira galega desta mostra que, segundo avanzou José Picado, seguirá crecendo con novas achegas de artistas galegos.