Ateneo de Pontevedra presenta o libro de relatos de Alberto Fortes ‘La memoria de las truchas’

35

Presentación do libro de relatos:

“La memoria de las truchas”

Autor: Alberto Fortes (escritor)

Interveñen: Ana Belén Fortes (directora de Editorial Guiverny), Manuel Jabois (xornalista do Diario de Pontevedra e escritor) e Alberto Fortes

Día: venres, 23 de decembro de 2011

Hora: 20:00

Lugar: Salón de Actos (2º andar) da Casa das Campás (rúa Don Filiberto, 9-11)

O Ateneo de Pontevedra presenta o libro Memoria de las truchas, de Alberto Fortes, publicado pola editorial Guiverny O acto terá lugar o vindeiro vernes 23 de decembro, ás 20 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás. O autor estará acompañado por Belén Fortes (editora) e Manuel Jabois (xornalista e escritor).

Sobre La memoria de las truchas
É un libro de relatos que consta de 13 pezas narrativas repartidas en dous partes ben diferenciadas: a primeira titulada ‘Las Tías’, acolle unha especie de memorias de infancia nunha contorna rural galega; a segunda, titulada juanramoniana-mente ‘Única Rosa’, é un conxunto de seis relatos de temática variada e estilo clásico e intemporal, que oscila entre o grotesco e o máis puramente humorístico.

Neste o seu último libro, Alberto Fortes rescata, a través da memoria e da escritura, fragmentos de vida. Son moitos os escritores que trataron de revivir a infancia nos seus libros. “La memoria de las truchas” é un deles. Na súa primeira parte ofrécensenos escenas ou secuencias atrapadas no encantamento da nenez. Con todo, a sensación de sinxeleza é enganosa, pois en cada historia non se deixa nada ao azar.

A primeira parte, ‘Las Tías’, deléitanos con espléndidos retratos de personaxes, entre os que destacan, aparte do protagonista-narrador (un neno apenas), as tías ou moitos outros personaxes que, como na Comala de Rulfo, ignoramos se están vivos ou mortos, se son reais ou imaxinarios, e que deambulan polo pobo, aparecéndoselle por sorpresa ao neno nas súas excursións polo campo.

En xeral, Fortes evita o estilo recargado. Con sumo coidado eliminou da súa prosa toda clase de floreos, sen que por iso a súa escritura resulte seca ou falta de atractivo. Así, nos textos da primeira parte, non hai artificio nin alambicamento, senón que se nos deixa apenas entrever -nun ambiente de intimidade apracible, de sinxeleza ás veces perturbadora, repleta de escenas domésticas- os pensamentos dun neno de aproximadamente dez anos.

A segunda parte, ‘Única Rosa’, constituída por seis relatos, é máis heteroxénea en relación coa primeira, aínda que as narracións gardan tamén unidade entre si e están narradas en primeira persoa cun estilo que cabería definir de clásico. Trátase dun conxunto de textos desenfadados nos que, ademais do abundante recurso ao diálogo, predomina o sentido do humor. Como selo persoal, o autor bota man de personaxes pintorescos ou perturbados, buscando o lado máis absurdo ou grotesco da vida.

Datos de autor
Alberto Fortes (Pontevedra, 1964). Estivo enrolado en barcos pesqueiros en mares de Sudáfrica, Gran Sol, Azores e a Costa Portuguesa. Actualmente, continúa traballando no mar a bordo das embarcacións de Aduanas. Colaborador habitual da revista Viajes National Geographic É autor das novelas “Amargas han sido las horas” (1998), “O violín de Sarasate” (2002) e “Tristemil” (2004). Tamén publicou “Navegantes, corsarios y piratas: Rías Baixas 1780-1850” (2001), estudo histórico; “Memorial de a bordo” (2003), unha viaxe nos barcos máis famosos da literatura universal, onde mestura a ficción e o ensaio (definido por Arturo Pérez Reverte como “un libro fermoso e melancólico”); “O Corsario. Vida e tempos de Juan Gagos de Mendoza” (2005), relato histórico sobre a vida do corsario galego do Morrazo; Os últimos libros publicados son “Memorias de Rabachol”, “Crónicas de San Domingos” e agora “La memoria de los peces”.

OUTRAS OBRAS DE ALBERTO FORTES

AMARGAS HAS SIDO LAS HORAS: unha novela de aventuras no mar ao redor de 1828, na que se cruzan as vidas do pirata galego Benito Soto e o escritor norteamericano Edgar Allan Poe, que desaparecera en Boston en 1827.

O VIOLÍN DE SARASATE: un caso de Sherlock Holmes, coñecido amante da música do violín, sobre o roubo do famoso violín vermello que era propiedade do violinista navarro Pablo Martín de Sarasate.

NAVEGANTES, CORSARIOS Y PIRATAS: estudo histórico sobre a navegación nas Rías Baixas nos séculos XVIII e XIX.

TRISTEMIL: relato gótico dacabalo entre o século XIV e o XIX, que vira ao redor do mito do dobre.

MEMORIAL DE A BORDO: narración sobre os grandes navíos da literatura (Pequod, Nam-Shan, Judea, Hispaniola…), onde se mestura o ensaio e a ficción.

MEMORIAS DE RAVACHOL: a través das memorias dun loro recréase con humor o mundo da famosa botica pontevedresa da Peregrina, propiedade de don Perfecto Feijoo. A trama, que transcorre na Pontevedra do século XIX, xira ao redor da procura da partitura da Alborada de Rosalía de Castro.

CRÓNICAS DE SAN DOMINGOS: é a historia dunha hoste de cabaleiros que moran na cabeceira da pontevedresa igrexa de San Domingos e que se conxuran cunha loxia masónica do mundo dos vivos para que a piqueta municipal non derrube o que queda de igrexa: a cabeceira, que é o seu panteón.

O CORSARIO: estudo de investigación sobre a vida do corsario marinense Juan Gago de Mendoza, quen tamén foi comandante das alarmas do Morrazo durante a Guerra da Independencia.

Datos dos demais participantes:

Ana Belén Fortes: Editora e directora de Editorial Guiverny, é filóloga, lingüista e colaboradora habitual na prensa galega, ocupacións que compaxina co seu traballo diario á fronte dunha empresa de comunicación.

Manuel Jabois: Escritor e xornalista do Diario de Pontevedra, é coautor do libro “Mi madre es un pez”, editado no ano 2011. Recentemente publicou a recompilación de artigos xornalísticos titulada “Irse a Madrid y otras columnas”, editada por Pepitas de Calabaza, un libro repleto de anécdotas humorísticas e co que cultivou un gran éxito.