Xornada de portas abertas no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra

29

Xornada de portas abertas no Edificio Sarmiento


Do 27 ó 30 de decembro de 2011.

Martes a venres de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:00h

O Edificio Sarmiento (rúa do Padre Sarmiento)

Obra do primeiro cuarto do século XVIII é en orixe o ámbito comunitario do colexio que os xesuítas posuíron na cidade de Pontevedra ata a súa expulsión en tempos de Carlos III. A súa construción iniciouse arredor de 1695 e finalizou en 1714, seguindo as pautas do barroco internacional e posiblemente segundo os planos trazados en Roma, adaptados a fórmulas de tradición local, para sede do Colexio da Compañía de Xesús, ó lado da súa igrexa, a actual parroquial de San Bartolomeu. Jorge de Andrade, sacerdote afincado en Perú, favoreceu a súa construción, auspiciada polo Concello, para reunir nun único centro os estudos existentes na vila. Creara unha fundación, establecida en 1644, e do seu padroado formaban parte tamén os Mosquera, os Villar e Pimentel, os Guimarey e os marqueses de Aranda.

O edificio pertence ó Museo desde 1979. Actualmente está a finalizar o seu proceso de rehabilitación. Albergará os fondos arqueolóxicos, a arte galega medieval ata o século XIII, as coleccións de olaría popular de Galicia, louza de Sargadelos, cerámica celta, azulexos e outros produtos cerámicos, así como salas sobre fotografía e instrumentos musicais galegos. Na planta baixa contará cun restaurante e na primeira e segunda, organizadas arredor dun recinto claustral, dispoñeranse as distintas salas.

Ó exterior, pola rúa Sarmiento, presenta unha longa fachada de baixo e un piso, de cantería, cun portalón no ángulo máis próximo á igrexa, alintelado, con decoración de placas e pilastras, sobre o que figura o escudo de armas. No interior destacan dúas zonas: por un lado, o claustro de dúas plantas, con proporcións moi do estilo galego e de arte pouco refinada, con arcos cegados e fiestras abertas neles, semellante ó da igrexa da Compañía de Villafranca del Bierzo (León); por outro, a suntuosa escaleira pétrea, na súa esquina suroriental, que desde a planta baixa conduce ó segundo piso, que aparece firmada por López e datada en 1722. Tamén cabe mencionar o soto da parte de nacente, que presenta unhas fortes arcadas. Ó primitivo edificio engadiráselle posteriormente a parte que dá á rúa Padre Amoedo, cunha fábrica de menor calidade.

Tras a expulsión dos xesuítas en 1767 o colexio foi sede das máis variadas empresas: as escolas de Primeiras Letras e Latinidade patrocinadas polo Concello, a fábrica de tecidos dos irmáns Lees, almacéns, sociedades ou o primeiro Instituto de Pontevedra. En 1894 a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra estudou a posibilidade de instalar nos seus baixos o seu museo. Desde 1903, cando se traslada o Instituto, ata o ano 1974, no que a Deputación de Pontevedra, propietaria do inmoble, constrúe a Cidade Infantil Príncipe Felipe en Montecelo, estivo ocupado polo Hospicio e pola Inclusa, unificados en 1955 baixo o nome de Fogar Provincial.

Para o seu novo destino pensouse nun primeiro momento en crear un museo da ciencia e das artes populares, autónomo, idea que non frutificou. En 1977 levántanse planos para estudar a distribución de espazos a pesar de que ata o ano seguinte non se produce a autorización do Ministerio do Interior, mediante unha resolución da Dirección Xeral de Administración Local, para cederlle o inmoble ó Museo de Pontevedra.

As obras de reparación e acondicionamento inícianse en 1979 segundo os proxectos dos arquitectos Ricardo Aguilar Argenti e Rafael Fontoira Surís, coa colaboración económica do Ministerio de Cultura a través da Dirección Xeral de Patrimonio Artístico, e son executadas pola empresa Varela Villamor en distintas fases. Se ben en setembro de 1981 se celebra no claustro unha mostra sobre gravados de Goya e en 1982 se instalan algunhas salas, como as de prehistoria e arqueoloxía, a culminación das obras e a inauguración definitiva non se levará a cabo ata o 11 de agosto de 1984.