Exposición de Gonzalo Sellés Lenard no Edificio Administrativo da Xunta

44

A SALA DE EXPOSICIÓNS DA DELEGACIÓN DA XUNTA EN PONTEVEDRA ACOLLE UN RECOPILATORIO DE OBRAS  DE GONZALO SELLÉS LENARD

A mostra componse de diversas series entre as que destacan retratos de gran tamaño, estampas con reminiscencias relixiosas e unha interpretación moi persoal do traballo das mariscadoras de Arcade

A sala de exposición do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra acolle dende mañá, 21 de decembro, e ata o 5 de xaneiro, unha exposición con obras do artista vigués Gonzalo Sellés Lenard.

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Pontevedra, tamén se diplomou na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia na especialidade de pintura, o que sen dúbida, influenciou na súa posterior traxectoria artística.

Na presente exposición, o artista presenta diversas series entre as que se atopan retratos de gran formato en primeiro plano onde o negro delimita o contorno sobre o luminoso branco do fondo.

Outra das series que se poden contemplar nesta mostra titúlase “Últimos segundos”, con clara influencia das estampas relixiosas onde a figura atópase representada nunha postura de concentración e meditación, cambiando os tradicionais obxectos de culto por outros de actual devoción, actualizando la composición. Así, sobre un fondo negro busca unha textura que cubra todo o lenzo, obtendo como resultado, unha imaxe en branco que nace do fondo e pinceladas que simulan o trazo dunha tiza.

En “Un-limited” o artista reúne unha imaxe “creada, vista, soñada”, segundo el mesmo explica, converténdose en centro da composición, “sempre a mesma, en multitude de formatos, pero sempre distinta”. Trátase de obras que se abren a infinitas posibilidades, “unha imaxe que vin e imaxinei antes. Decidín traela e representala unha vez, imaxinala de novo e volver a presentala así, unha e outra vez”, explica Gonzalo Sellés. “A mesma imaxe pintada en diferentes ocasións, distintos entornos, diferentes estados de ánimo e formatos, pero sen embargo, sempre a mesma imaxe… Imaxen-unlimited, como unha pátina que o cubre todo”.

O artista busca expresar, a través deste grupo de obras, analizar a “desmaterialización da pincelada, sempre na busca da transmisión da propia atmosfera”

Finalmente, a exposición complétase cunha serie de obras de pequeno tamaño con secuencias que conforman un pequeno diario e tamén cunha serie titulada “Mariscadoras de Arcade”, onde se inspira no traballo de Sebastián Salgado para reinterpretar o traballo deste colectivo.

A exposición de Gonzalo Sellés na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra permanecerá aberta ata o próximo 5 de xaneiro en horario de 9 a 14 horas da mañá de luns a sábado, e de seis da tarde a nove da noite de luns a venres.
 

COMPARTIR