Exposición ‘O libro e a Deputación de Pontevedra’ no Arquivo Provincial

31

Do 22 de decembro de 2011 ó 31 de xaneiro de 2012
De 9:00 h a 14:00 h, de luns a venres
No Arquivo da Deputación (rúa do Padre Amoedo, 1)

Esta exposición recolle os 175 anos de relación entre e Deputación de Pontevedra e a cultura a través das publicacións, así como unha mostra dos 25 anos da Editorial da Deputación, creada por Mariano Rajoy Brey durante a súa presidencia en 1986.
A través desta mostra poderase facer un percorrido no tempo e comprobar o intenso labor da Deputación de Pontevedra, desde os seus inicios, en prol da cultura e a súa divulgación a través de edicións propias, coedicións e colaboracións.
A mostra constará de dous espazos diferenciados: no primeiro exporase un total de 501 volumes editados desde 1986, recollidos nas diferentes coleccións da editorial: Arte, A provincia en imaxes, Ensaio e investigación, Especiais, Fillos ilustres da provincia de Pontevedra, Helenes, Poesía e narrativa… Colocaranse en 10 estruturas triangulares e 17 vitrinas de cristal, achegando interactividade cos visitantes á mostra e facilitando a consulta e a manipulación da maioría dos exemplares.
Como complemento proxectaranse algúns dos documentais editados pola Deputación e habilitarase un posto de consulta do catálogo web da editorial.
No segundo espazo exporanse en vitrinas pechadas 153 libros de especial valor. Os visitantes da mostra poderán achegarse a exemplares tan emblemáticos como a primeira edición da Historia de Galicia, de Murguía (1865); Femeninas, de Valle-Inclán (1895) ou o Diccionario, de Marcial Valladares (1884) entre outros. Paralelamente, nesta sala haberá unha proxección na que se poderán visualizar portadas de libros antigos.
Ademais, recóllese unha mostra de exemplares orixinais do Boletín Oficial da Provincia desde os seus comezos ata o día de hoxe, que permitirán comprobar a evolución e as modificacións que ó longo da súa historia se lle realizaron ás diferentes cabeceiras ata chegar ó actual boletín en formato dixital desde 2009.
Hoxe en día a editorial da Deputación de Pontevedra conta con máis de 650 títulos, a gran maioría editados con selo propio e outros como coedicións.