O futuro do colexio de Ponte Sampaio, nas mans da Xunta

80

O concelleiro de Educación, Agustín Fernández esixiu esta mañá unha rectificación do delegado territorial da Consellería de Educación en Pontevedra e solicita á Consellería de Medio Ambiente as razóns polas que informaron favorablemente a innecesiariedade e desafectación dos terreos do colexio Manuel Vidal Portela e non o colexio de Ponte Sampaio.
O concelleiro fixo esta mañá algo de historia para xustificar as explicacións que agora demanda. Lembra que en xaneiro de 2011 o Concello de Pontevedra pediu ao Ministerio de Medio Ambiente a declaración de innecesariedade e posterior desafectación dos terreos de dominio público marítimo-terrestre nos que se atopan situados os colexios de Ponte Sampaio e o Manuel Vidal Portela.
En abril, o Ministerio solicitoulle á Consellería de Medio Ambiente que lle enviara os informes preceptivos para a desafectacións dos citados terreos.
No mes de maio, a Consellería de Medio Ambiente emite un informe sobre a desafectación dos terreos correspondente á concesión C-511, é dicir, a localizada na avenida de Buenos Aires, ou sexa, o colexio Manuel Vidal Portela. De feito, existe un erro á hora de localizar o colexio e o sitúa na “parroquia de Ponte Sampaio”. A pesar deste erro, o Ministerio entende que o informe é válido para o Vidal Portela.
Con posterioridade, no mes de outubro, o Ministerio de Medio Ambiente volve a solicitar o informe sobre o colexio de Ponte Sampaio, quedando claro que o único informe que enviou a Consellería era sobre o colexio Manuel Vidal Portela.
Ante esta situación, o concelleiro Agustín Fernández esixiu esta mañá que “a Xunta de Galicia explique porque se xoga neste tema de tanta sensibilidade, sobre o futuro do colexio”. Afirmou que solicitará unha entrevista ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Cores Tourís, para impulsar o expediente e poder envialo a Madrid como o do Vidal Portela “e evitar a crispación e o desasosiego dos veciños de Ponte Sampaio”.
Agustín Fernández quixo transmitir tranquilidade a os veciños dado que o colexio non corre peligro, dado que o espíritu de Costas é manter o servizo público, pero si é certo que esta situación impide actuar sobre o colexio como facer reformas ou planear futuras ampliacións.