O xoves péchase o prazo para presentar candidaturas ao premio Cidade de Pontevedra

49

 Este xoves, 5 de xaneiro, remata o prazo para presentar candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra. A Concellaría de Cultura lembra que o Rexistro Xeral do Concello aceptará estas candidaturas ata as 13.00 horas do xoves.

O premio regúlase seguindo estas bases:

Preámbulo:
Os Premios Cidade de Pontevedra teñen como finalidade galardoar o relevante labor desenvolto na modalidade individual por unha persoa física e, na modalidade colectiva, por persoas xurídicas (asociacións, entidades ou colectivos de caracter cultural, social xuvenil, empresarial, etc..). O xurado terá en conta e valorará especialmente o labor desenvolto no ano que corresponda.
1. Dos galardoados:
  Concederanse os seguintes premios:
A) A unha persoa física vencellada, dalgún xeito, ao municipio de Pontevedra e os seus habitantes.
B) A unha persoa xurídica, asociación, entidade ou colectivo que teña desenvolto un labor de especial proxección cara Pontevedra e os seus habitantes.
Para cada unha das modalidades comprendidas nos apartados A) e B), outorgarase un único premio, que consistirá nun Teucro de prata e un diploma.

2. Da proposta de candidatos:
O Concello de Pontevedra fará pública unha convocatoria para a presentación de propostas nas que se sinalará o prazo, dándoselle a oportuna publicidade para o coñecemento de tódolos cidadáns.
Dito prazo de presentación de candidaturas comezará o día 5de decembro do ano en curso, e rematará o día 5 de xaneiro do ano seguinte.
  Os candidatos, a ámbalas dúas modalidades, poderán ser propostos por calquera asociación, institución, entidade ou colectivo do municipio de Pontevedra; sen que pida ningunha delas propoñerse a ela mesma. Ditas propostas serán presentadas no Rexistro do Concello. Nelas sinalaranse tódolos datos posibles do candidato ou candidatos propostos. Deberase adxuntar, asimesmo, unha memoria xustificativa que saliente a traxectoria persoal e profesional de cada un dos candidatos propostos.
As persoas físicas ou xurídicas propostas deberán sempre ter coñecemento da súa candidatura.

3. Do xurado:
3.1. Do Presidente do xurado: a presidencia a ocupará o Ilmo. Sr. Alcalde, co seu voto de calidade, quen a poderá delegar no Presidente da Comisión Municipal Informativa da área correspondente. Actuará como secretario o titular da corporación ou o funcionario en quen este delegue.
3.2. Dos Vocais: o xurado estará composto polos membros da Comisión Informativa da área correspondente, incluído o presidente da mesma. Representarán, de xeito proporcional, aos distintos grupos municipais; asimesmo, formarán párate do xurado cualificador dos Premios Cidade de Pontevedra, un representante elixido entre as asociacións veciñais, outro entre as culturais e un terceiro entre os medios de información con representatividade no municipio. Ditos representantes poderán selo por un só período, aínda que poderán ser ratificados ou reelixidos.

4. Da elección dos candidatos:
Unha vez rematado o prazo de presentación de propostas, o xurado fixará a primeira das súas reunións, ao longo da semana seguinte á da finalización do prazo de presentación de candidaturas, co fin de analizar as propostas existentes. Procederase ao estudo, polo miúdo, da biografía e do currículo de cada un dos candidatos propostos.
Tódolos membros do xurado tratarán de consensuar, de maneira unánime o outorgamento dos premios;  de non ser así, deberá chegarse á obtención dunha maioría cualificada de dous tercios.
  Se o xurado, na primeira reunión, non chegase a unanimidade ou a unha maioría cualificada de dous tercios, poderán propor outros candidatos nunha segunda sesión, sempre que sexa por unanimidade, tanto a proposta como a elección.
Asimesmo, poderase deixar deserto o premio.
Unha vez realizada a votación, e elexidos os premiados, o xurado gardará segredo sobre as deliberacións da sesión.

5. Da entrega de premios:
Unha vez que o xurado acorde os premios, a corporación municipal, en sesión plenaria, prestará aprobación aos mesmos; esta decisión será inapelable.
A corporación comunicaralles aos galardoados a concesión dos premios.
Os premios serán entregados na sesión extraordinaria de honras que, para tal efecto, ten lugar tradicionalmente o día 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián.

 

Disposición Final:

En todo aquilo que non se prevexa nas presentes bases, facúltase ao xurado cualificador para a súa interpretación e resolución.
O feito de presentar propostas aos Premios Cidade de Pontevedra supón a total aceptación das presentes bases.
E para que conste, coa salvidade á que se refire o artigo 206 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, expido a presente certificación de orde e co visto e prace do Sr. Alcalde, en Pontevedra a trinta de novembro do ano dous mil.