Un orzamento “sensato” para tempos difíciles

97

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González pormenorizou esta mañá o orzamento municipal para 2012, que segundo as previsións do departamento de economía poderá levarse ao pleno ordinario deste mes de xaneiro.

Raimundo González explicou que os orzamentos de 2012 “están condicionados polos recortes do Estado, da Xunta, e incluso, da Deputación. Así como pola normativa que saíu en xullo de 2011 de teito de gasto”. Argumentou que “en circunstancias de paro e incremento de desprego como na actualidad, a única maneira de paliar un tanto a situación é inxectar cartos na economía local para crear postos de traballo. Pero non é así, debido a todos os recortes mencionados”, indicaba o responsable de economía do Goberno Local, quen aseguraba que “dentro dos límites legais, poderíamos ir a un crédito de 20 millóns de euros, pero vulneraríamos a nova lei de teito de gasto público, e nos permitiría crear uns 1.000 postos de traballo durante estes anos”.

Entrando a detallar capítulo a capítulo do orzamento de gastos, Raimundo González indicou que n Capítulo 1, de persoal, se produce unha reducción real con respecto ao ano 2009. En concreto, 1.071.000 euros debido á supresión da figura de cinco directores xerais, tres técnicos e dous operarios.

O Capítulo 2, de gasto corrente, increméntase un 5,75%, arredor de 1,5 millóns de euros. A subida neste capítulo débese a ter que actualizar a factura da enerxía eléctrica, todos os contratos das concesionarias do Concello ou o incremento de gasto social, entre outros. Deste xeito, Raimundo González enumerou algunhas das partidas a incrementar:

  •  Un incremento dun 20% en enerxía eléctrica, é dicir, 400.000 euros.
  • Incremento de 200.000 euros da recollida de lixo.
  • Incremento da auga en 510.000 euros.
  • Da grúa en 150.000 euros.
  • Incremento á empresa de recadación executiva e multas en 300.000 euros.
  • E un incremento a 788.000 euros á axuda a domicilio
  • E 118.000 euros en escolas infantís

Raimundo González explicou que no mes de xullo o Pleno municipal acordou a reducción de 1,5 millóns de gasto corrente, traballo xa realizado en partidas de publicidade, publicacións, exposicións, gastos de representación, subvencións… entre outras. O concelleiro de Economía asegurou que “hai unha contención real do gasto, xa que se pasan a controlar todas as partidas que non están suxeitas a unha subida obrigatoria por contrato, e sempre que non afecte á diminución dos servizos prestados aos cidadáns”.

O Capítulo 4, de Tranferencias Correntes, prodúcese unha baixa de 578.000 euros, é dicir, 11,26% con respecto ao ano 2010. Trátase das transferencias a organismos autónomos como o Pazo ou o IMD.

Sobre o Capítulo 6, de investimentos reais, Raimundo González explicou que se mantén a inversión reflexada no orzamento do ano 2010. Dado que xunto ás Transferencias de Capital o Capítulo 7, sitúasen en máis de 6 millóns de euros. O responsable da área económica do Concello atribuiu esta situación á diminución de transferencias por parte doutras administracións, xunto a á imposibilidade de poder recurrir a un gran crédito.

Nos orzamentos de Ingresos explicou que a baixada das transferencias do Estado superan o 1,5 millóns de euros, e da Xunta de Galicia máis de 500.000 euros, dos ingresos ordinarios, á marxe de todas aquelas convocatorias extraordinarias e relativas a áreas concretas como axudas a Normalización Lingüística, ou a Cultura…

Raimundo González explicou que se tratan duns orzamentos elaborados con prudencia sobre as transferencias doutras administracións e traballando sobre os datos de recadación 2010. Un orzamento sensato tendo en conta as circunstancias económicas que así o determinan.

Sobre as operacións de préstemo, o Concello de Pontevedra solicitará un crédito de 3.450.000 euros, fronte aos 4.050.000 euros de 2010. O endebedamento do Concello atópase nun 37% cun capital adebedado de 23,6 millóns de euros “un capital perfectamente asequible para unhas arcas saneadas como as do Concello de Pontevedra”, concluíu Raimundo González.