Benestar Social Municipal estuda asinar sendos convenios con Rexurdir Provincial e Amencer

48

A Concellaría de Benestar Social Municipal acaba de renovar a colaboración anual que mantén con diversas entidades sen ánimo de lucro e que traballan no eido social en Pontevedra como Cáritas, Carlor y Café, Xuntos ou o Comedor de San Francisco. Ademais, Carmen Fouces, concelleira responsable desta área, está a estudar a posibilidade de ampliar esta colaboración anual cos colectivos Rexurdir Provincial (de atención a extoxicómanos) e Amencer (de atención a paralíticos cerebrais), apostando por apuntalar a rede de entidades de atención aos sectores que máis o precisan, apoiándoos nas súas demandas e propostas.

O obxectivo sería asinar un convenio anual de colaboración con cada un deles de tal xeito que o Concello faga unha achega estable a estas entidades e que non dependan da inestabilidade propia das subvencións que reciben cada ano. A Concellaría está a estudar esta posibilidade e está a espera de recibir sendos proxectos e propostas das asociacións que fan un importante traballo social en Pontevedra nos seus eidos.

Rexurdir Provincial conta cun piso terapéutico en  Pontevedra, tamén en un local que funciona a modo de centro de día, ofrece atención xurídica para os membros que poidan ter problemas coa xustiza e tamén contan cun traballador social, entre outros medios.

Pola súa banda, Amencer ten un centro no barrio de Ponte Muíños, e a Concellaría está a estudar a posibilidade de que o mantemento do xardín dos sentidos do centro sexa costeado polo Concello.
 

COMPARTIR